Revisión a fondo do estado das árbores do parque das Palmeiras
Por Redacción
Coñecer o estado de saúde das árbores e garantir a seguridade das persoas que pasean a diario por todo este ámbito. É o obxectivo dos traballos que o Concello de Pontevedra está a facer esta semana no parque das Palmeiras.
Os traballos consisten na supervisión das contravalacións que teñen algunhas das súas árbores, como o cedro situado sobre a terraza do Blanco y Negro ou as que están sobre o parque infantil, entre outras.
Estas estruturas de seguridade están feitas para que, no caso de que caia unha póla, a rama quede asegurada e non se precipite ao chan podendo causar algunha situación perigosa.
Aínda que non deron problemas ata o momento, son traballos habituais que hai que realizar, segundo sinalan desde a Concellería de Parques e Xardíns, para evitar accidentes entre todas as persoas que empregan estes espazos de lecer do centro da cidade.
Ademais, os técnicos da empresa especializada que están a realizar estes traballos tamén están comprobando o estado de saúde das árbores, retirando ramas secas ou enfermas do resto de árbores tamén para evitar estas situacións de risco.