Dous feridos na colisión entre dous turismos no cruzamento do Merkamueble en Vilaboa
Por Redacción
Dúas persoas resultaron feridas a primeira hora deste mércores como resultado dun accidente de circulación rexistrado no cruzamento entre as estradas N-550 e N-554 en Vilaboa, á altura da moblaría Merkamueble.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o sinistro produciuse ás 8.10 horas e consistiu na colisión entre dous turismos. Un particular alertou do choque e de que había persoas feridas.
O 112 derivou o lugar á Garda Civil de Tráfico e o 061. Segundo Urxencias Médicas de Galicia, había dous feridos, o varón de 53 anos L.R.T.M. e a muller de 60 M.D.C.R.. Ambos os dous foron trasladados ao Hospital Montecelo, en principio, cun prognóstico leve.
Testemuñas presenciais indicaron que os dous vehículos sufriron importantes danos materiais. Un deles quedou coa parte dianteira destruída e o outro co lateral esmagado.
Tres patrullas da Garda Civil de Tráfico desprazáronse ao lugar e tiveron que levantar atestado do sucedido e regular a circulación. As mesmas testemuñas indicaron que se produciron retencións na circulación entre Pontevedra e Vigo durante ao redor dunha hora.