Cinco novas rutas para afondar no coñecemento da relación entre o home e a natureza
Por Redacción
Os interesados en coñecer de preto a 'Natureza nos camiños' poden participar do programa que, por oitavo ano consecutivo, pon en marcha o Concello de Pontevedra para percorrer rutas por espazos naturais relacionados con Pontevedra. Nesta ocasión, organízanse cinco rutas co obxectivo de que as persoas que acoden, principalmente de avanzada idade segundo sinalou o concelleiro Demetrio Gómez, coñezan a relación entre o patrimonio e os espazos naturais.
Na presentación, o biólogo Miguel Fernández sinalou que estas rutas axudan a coñecer curiosidades sobre a nosa historia como que os monxes do mosteiro da Serra de Candán contaban cun monopolio de elaboración de xeo con neve cuxo principal mercado atopábase na cidade de Pontevedra.
As rutas deste ano iniciaranse cunha primeira, programada para o domingo 18 de outubro, polo río Fraga no municipio de Moaña, que dará paso a outra por Tui, na Ribeira do Miño, cun percorrido polo centro histórico. A terceira centrarase no Monte Galiñeiro con explicacións sobre as antigas fortificaciones entre Vigo e Gondomar e a cuarta será polo santuario do Monte do Facho en Cangas con todo o seu sistema de dunas e de praias cuns singulares piñeiros. A última ruta realizarase pola Serra do Candán cunha visita ao mosteiro de Aciveiro en Forcarei.
Os interesados terán que inscribirse a partir do martes 13 nas oficinas de Medio Ambiente do Concello de Pontevedra. Ofértanse 55 prazas para cada unha das saídas. Na anterior edición cubríronse todas as prazas ofertadas.