Garavilla asegura que o traslado de Cuca ao Grove é "irreversible"
Por Redacción
Conservas Garavilla reafirmouse este martes, a través dun comunicado, en que o proceso de traslado de Cuca en Vilaxoán, iniciado en decembro, "continúa avanzando de xeito irreversible, unha vez finalizado o periodo de consultas, que rematou sen ningún acordo cos representantes sindicais".
A conservera insistiu en que a súa vontade é executar o traslado, "é unha obriga de responsabilidade empresarial nun contexto de crise xeneralizada".
O comunicado emitiuse logo de manter este martes unha reunión nas dependencias de San Caetano co secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, e o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole. Nin a Consellería do Mar nin o Concello de Vilagarcía informaron dos resultados da reunión e remitíronse ao comunicado da empresa.
O traslado "é unha obriga de responsabilidade empresarial nun contexto de crise xeneralizada"
A conservera, actual propietaria de Cuca, sinala que xa puxo en marcha o traslado da produción ás instalacións da empresa no Grove. Concretamente, cifra en 15 persoas, entre administrativos e comerciais da planta de Cuca, que xa se trasladaron para continuar coa súa actividade.
Desde o comité de empresa de Cuca, a súa presidenta, María José Rey, sinalou que só teñen constancia do traslado ao Grove de dúas persoas.
Garavilla tamén sinala que ao longo da semana comunicará a un total de 20 empregados da planta de Vilaxoán a súa incorporación ás outras instalacións, prevista no transcurso do mes de febreiro.
A compañía considera que durante este periodo de consulta mantido cos sindicatos e as traballadoras "non realizaron ningunha proposta concreta", excepto a de atrasar o traslado polo menos tres meses.
Para a conservera esta solicitude non pode ser atendida xa que ese atraso suporía que a produción de Cuca no Grove non estaría operativa antes da campaña do mexillón, "co consiguiente prexuízo e deterioro para a marca".
TODOS OS EMPREGOS GARANTIDOS
Manifestación de apoio ás súas reivindicacións en Vilagarcía o 23 de xaneiro
A maiores, o grupo Garavilla sostén que o traslado da produción de Cuca á factoría do Grove estase realizando "garantindo o cento por cento dos empregos nas mesmas condicións que teñen os traballadores actualmente, é dicir, de carácter fixo e indefinido, e dentro da mesma comarca".
Ante o anuncio da empresa, as traballadoras de Cuca, que desde o luns da pasada semana establecen quendas de vixilancia ás portas da factoría de Vilaxoán, decidiron intensificar as gardas e mantelas tamén durante as noites.
Ademais as traballadoras e os seus representantes sindicais decidiron en asemblea convocar unha manifestación de apoio ás súas reivindicacións en Vilagarcía o 23 de xaneiro.