O Concello descarta unha permuta con Funespaña e acusa á Xunta de "marear" co informe ambiental
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal si tivo, a pesar do dito pola empresa, un contacto cos directivos de Funespaña. A concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, desvelou este xoves que se reuniu cunha representación da compañía funeraria o pasado mes de xullo. Tratouse dun encontro onde se lles fixo entrega dunha comunicación da Xunta, pero nela non se falou dunha posible permuta de terreos. Segundo o Concello, non sería unha opción viable.
En concreto, Carme da Silva explicou que nunha "decisión sen precedentes" a Xunta remitiu un escrito, dirixido ao Concello e á empresa, na que instaban a Funespaña a que tomase a decisión de seguir adiante coa tramitación do correspondente informe ambiental do proxecto presentado ou ben empezasen de novo acolléndose a unha nova lexislación.
A empresa optou entón por continuar co expediente relativo a San Amaro e así se lle comunicou, por escrito e vía rexistro, o 24 de agosto. Pero, para sorpresa do goberno municipal, este mércores a Xunta comunicou ao Concello a caducidade do expediente por non presentar a documentación requirida no prazo fixado de 90 días.
"Nós cumprimos os prazos. É difícil de entender o que está pasando", afirmou a concelleira mostrando o xustificante que demostra que a documentación se entregou en tempo e forma. O Concello poñerase agora en contacto coa empresa para acordar os pasos a seguir e presentar a correspondente reclamación, en caso de así solicitalo Funespaña.
A edil de Urbanismo mostrouse convencida de que o ocorrido deixa en evidencia que a Xunta "está a marear o asunto para non emitir o informe ambiental" que, previsiblemente sería positivo e permitiría a Funespaña empezar a construír o seu crematorio en San Amaro.
En todo caso, Carme da Silva asegura que é "difícil de entender" o interese de Partido Popular e Marea neste asunto. Lembrou que se trata do proxecto dunha empresa privada e que está pendente dun trámite ambiental, aínda que suxire que quizá sexa Funespaña a que se estea reformulando a viabilidade do crematorio, tras a apertura do de Ponte Caldelas.
Por iso é polo que o Concello descarte unha posible permuta, xa que "eles se meteron voluntariamente neste proxecto e se non lle resulta rendible non é cousa nosa", dixo.
Relacionadas:
-
O crematorio de Funespaña, en vía morta: caduca o seu proxecto de urbanización
Por Alejandro Espiño |
-
O TSXG tamén nega a licenza ao crematorio previsto no tanatorio de San Amaro
Por Alejandro Espiño |
-
Funespaña segue adiante co seu proxecto para San Amaro pero estudará alternativas "si nos las presentan"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Funespaña reunirase cos portavoces municipais e afectados polo crematorio de San Amaro
Por Redacción |