O rocambolesco caso da "Finca Batacos", propiedade do Restaurante Mochi
Por Anxo Lourido
A "Finca Batacos" situada na Carballeira, na parroquia pontevedresa de Salcedo, ten unha historia peculiar que nace xa na súa denominación. O terreo que hoxe ocupa a empresa Mochi foi un espazo destinado ao cultivo de tabaco. Un erro nunha transcrición na que alguén escribiu "batacos" en lugar de "tabacos" serviu para bautizar este terreo de máis de 14 mil m2.
A historia deste terreo remóntase ao ano 1958 cando os terreos de labradío daquela zona foron expropiados polo Estado para establecer a plantación de tabaco. Pasados os anos, os propietarios dunha extensión dentro do terreo de case 2 mil m2 reclamaron a devolución dos terreos ao Ministerio de Agricultura. A solicitude foi denegada e comezou un recurso contencios administrativo que finalizou cunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en maio de 2012 . Esa sentenza obriga o Estado a devolver ese terreo aos herdeiros dos seus propietarios orixinais ao entender que os terreos xa non eran empregados para o fin polo que foran expropiados. Pero o terreo foi vendido en 2003 ao empresario Ramón Sobral, dono do restaurante Mochi, que empregou o terreo como espazo para a celebración de grandes eventos.
Por ese motivo, segundo explicou o concelleiro de Urbanismo Antón Louro, o Estado negocia agora co propietario de Mochi a compra desa parcela para devolvérllela aos herdeiros dos donos orixinais. A superficie que debe ser devolta ocupa o fondo do actual terreo Batacos e é onde se encontra situada a nave onde que se empregaba para almacenar o material da antiga plantación de tabaco. O máis curioso é que, unha vez que se reverta o terreo aos seus donos, estes poderán volver negociar con Mochi a venda desa mesma superficie.