Satisfacción en Sogama e o Concello ante o acordo que regula o pagamento da débeda
Satisfeitos ante o acordo alcanzado ao entender que é "favorable" para ambas as partes. Así se expresaron este mércores tanto o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, como o presidente de Sogama, Javier Domínguez, tras a firma do convenio que pon fin a un conflito que durou 17 anos e baixo o que o Concello abonará a débeda contraída coa sociedade ambiental, cifrada en 5.051.063,53 euros.
En virtude deste novo convenio que, segundo o alcalde, normaliza as relacións con Sogama, o goberno municipal comprométese a saldar a débeda antes do 30 de xuño de 2016, en función do calendario de pago anunciado o pasado luns.
Ademais, o Concello abonará as facturas pendentes relativas ao 2015 xa emitidas por Sogama, que ascenden a 280.575,03 euros.
Tras este acordo, suspéndense as actuacións xudiciais iniciadas ou en trámite, dando por concluídos os correspondentes procesos unha vez que o concello complete o pago das cantidades reclamadas.
"É bo para Sogama e bo para o Concello", explicou o presidente da sociedade ambiental, Javier Domínguez, que espera que acordo "sirva de exemplo" para os concellos "díscolos" que aínda se negan a abonar o novo canon de Sogama e que, a partir do mes que vén, verán como a Xunta bloquearalles os fondos autonómicos destinados a estes municipios, para ir restando deles a débeda contraída coa empresa.
A partir de agora, Pontevedra pagará o canon unitario establecido en concepto de xestión e tratamento de residuos urbanos e que ascende a 67,18 euros + IVE por tonelada de residuos xestionada e tratada.
Neste sentido, Fernández Lores avanzou que o municipio tratará de enviar a Sogama "o menos posible", especialmente cando estea en funcionamento a planta de compostaxe. Isto poderase facer porque o convenio asinado este mércores non inclúe a obrigatoriedade de remitir un mínimo de toneladas á planta de Cerceda, polo que o Concello prevé enviar a Sogama só os residuos que non sexa capaz de tratar por outros medios.
Relacionadas:
-
O Concello adianta os prazos que se marcara para o pago da débeda a Sogama
Por Natalia Puga |
-
Marea Pontevedra pedirá no pleno que se realice unha auditoría dos gobernos do BNG
Por Redacción |
-
Pontevedra acabará de pagar a débeda con Sogama en xuño de 2016
Por Alejandro Espiño |
-
Sogama condona máis de 500.000 euros para pechar o acordo con Pontevedra pola súa débeda
Por Alejandro Espiño |
-
O PP lamenta que o superávit municipal teña que ir destinado a pagar o primeiro prazo da débeda con Sogama
Por Redacción |