Desartellan un punto negro de venda de droga polo miúdo na Seca
Por Natalia Puga
A Policía Nacional de Pontevedra desarticulou un punto negro de venda de substancia estupefaciente polo miúdo no barrio da Seca e detido ás dúas persoas que supostamente trapicheaban nesa zona.
Os dous detidos son un home e unha muller de 41 anos que manteñen unha relación sentimental, el con antecedentes policiais. Acúsaselles dun delito de tráfico de droga. Interviñéronlle distintas cantidades de cocaína, haxix e marihuana.
Os feitos remóntanse ao mes de agosto de 2012, cando a Policía Local de Pontevedra identificou un comprador de cocaína que acababa de adquirirlla a unha muller residente na Seca. Tras esa actuación policial, deron conta dos devanditos feitos tanto á Fiscalía Antidroga de Pontevedra coma á Policía Nacional para que continuasen a investigación.
Os investigadores descubriron que a muller e o seu compañeiro sentimental non realizaban actividade laboral ningunha, reuníanse con persoas aparentemente toxicómas e chegaron a cambiar ata dúas veces de domicilio nos meses que durou o operativo.
Así mesmo, detectaron numerosas viaxes do home ata o poboado do Vao supostamente para adquirir substancia estupefaciente para a súa posterior revenda ao amiudar.
O 11 de xaneiro os axentes procederon á identificación e detención de ambos os dous, incautándolle ao home cinco landras de hachix que intentou ocultar durante o seu cacheo persoal. En total interviñéronse 2,6 gramos de cocaína, 36 gramos de marihuana, 55 gramos de haxix, dúas básculas de precisión e 240 euros en efectivo.
A investigación realizouna o Grupo de Tráfico Medio de Estupefaciente da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra, en colaboración coa Brigada de Seguridade Cidadá. Os detidos foron postos en liberdade coa obriga de comparecer no xulgado cando sexan requiridos.