Arrincou a construción da praza do Hospital Provincial
Por Mónica Patxot
Vinte e catro horas despois do anunciado arrincaron este martes as obras de reforma da rúa Loureiro Crespo que habilitarán unha praza de 1.200 metros cadrados fronte ao Hospital Provincial.
Unha mellora na climatoloxía permitiu á empresa Covsa iniciar este proxecto, orzamentado en 335.429,30 euros.
Por agora a adxudicataria empezou coas actuacións complementarias que consisten na mellora das beirarrúas e a iluminación en Casimiro Gómez e no tramo de Loureiro Crespo ata Antón Fraguas.
Por este motivo elimináronse as prazas de aparcadoiro dispoñibles na zona e establecéronse algúns cambios de tráfico.
A partir do día 13 de outubro os operarios de Covsa abordarán a construción da praza peonil de plataforma única combinando materiais como formigón, granito e lousas. Como remate instalarase mobiliario urbano e plantaranse árbores para crear zonas de sombra.