O goberno local quere converter en murais artísticos algunhas medianeiras
Por Redacción
Varios concelleiros do goberno local do Concello de Pontevedra visitaron este luns o Concello de Carballo para coñecer o proxecto "Derrubando muros" de intervención nos espazos urbanos, que puxo en marcha o concello coruñés para adecentar as medianeiras e os espazos públicos do casco urbano de Carballo.
Os concelleiros Luís Bará, Carmen Fouces e Alberto Oubiña percorreron o casco urbano de Carballo acompañados dos concelleiros de Urbanismo e Medio Ambiente da localidade, que lles foron amosando os logros e explicando os procedementos para conseguir o resultado acadado en Carballo.
O goberno local da cidade do Lérez entende que este proxecto "cabe á perfección co proxecto de intervención urbana no centro da cidade" que promoven as concellerías delegadas do ámbito urbano e que dirixen os tres concelleiros que viaxaron a Carballo.
Trátase de coñecer intervencións realizadas con éxito, como o caso de Carballo cuxo proxecto "Derrubando muros" é coñecido en todo o Estado, e incluso, internacionalmente.