O Grove rectifica e potenciará o nudismo habilitando "praias con zonas preferentes"
Por Alejandro Espiño
De intentar limitar a práctica do nudismo a converter o municipio en destino turístico para naturistas de toda España. Así de radical foi o cambio que o Concello de O Grove imprimiu á súa futura ordenanza reguladora do uso das praias. Tralas críticas xeradas nos últimos días, o goberno municipal mudou a súa postura inicial, que en todo caso, segundo o concelleiro de Medio Ambiente, Alfredo Bea, "malinterpretárase".
En declaracións a PontevedraViva, Alfredo Bea explicou que, inicialmente, no borrador desta ordenanza non se facía referencia ao nudismo. Foi tralo seu paso polos diferentes servizos municipais cando se incorporou o seguinte artigo: "estará prohibido naquelas praias que teñan a consideración de arenais urbanos e nas praias que non estean debidamente habilitadas e sinalizadas para este uso".
"Era só un borrador, unha choiva de ideas", explica o edil meco. Pero foi tras un informe xurídico, que expresaba dúbidas sobre a legalidade de limitar as zonas naturistas, cando o Concello decidiu rectificar. E non só iso, senón que vai moito máis alá. Asegura que se potenciará a práctica do nudismo en O Grove, coa intención de convertelo nun referente dentro e fóra das nosas fronteiras.
Con este fin, a ordenanza municipal establecerá que "o Concello informará das praias con zonas preferentes para a práctica do naturismo e as promocionará nos circuítos nacionais e internacionais". Segundo Alfredo Bea, o goberno municipal non impedirá o nudismo "en ningunha das nosas praias", pero sinalizará aquelas zonas que recomendan para a súa práctica "para que todo o mundo, por exemplo familias con nenos, saiban o que se van a atopar".
Neste sentido, Bea confirma que a praia de Borreiros/Castiñeiras en San Vicente do Mar, tradicionalmente relacionada co naturismo, será unha das praias escollidas polo Concello de O Grove para simbolizar a súa aposta por este tipo de arenais.
En todo caso, o edil de Medio Ambiente defendeu a nova regulación para o uso das praias. Asegura que só se trata de "normas de sentido común", coas que se pretende manter "un respecto" entre todos os usuarios das praias do municipio e recordou que ordenanzas similares aprobáronse recientemente noutros concellos como Ferrol ou A Guarda.
Os naturistas advirten: "prohibir o nudismo é ilegal"
"Igual que non se pode impedir a un homosexual que acuda a unha praia determinada, tampouco nos poden prohibir practicar o nudismo alá onde consideremos oportuno"
Sexa como sexa, desde a Federación Española de Naturismo manteranse "alerta" ante a tramitación desta ordenanza. O seu presidente, Ismael Rodrigo, anunciou que presentarán alegacións no caso de que se intente limitar os dereitos dos nudistas, mostrando incluso a súa disposición de acudir aos tribunais. "Prohibir o nudismo é ilegal" e quen aprobe unha norma nese sentido, dixo, enfróntase a unha posible querela por prevaricación.
"En España, o único que condiciona que podamos facer nudismo é o bo tempo", explica Ismael Rodrigo. "Non se pode impedir que alguén se desnude na praia que lle da gana, coma se quere ir espido pola praza do concello", asegura. A condición de que, matiza, esta conduta non vaia acompañada de expresións de tipo sexual ou ofensivas.
Así o regula a lei orgánica 5/1998, aprobada, segundo o presidente dos naturistas españois, tralas detencións que tiveron lugar en Galicia durante os anos 80. Desde entón "xa non existe iso do escándalo público", asegura. E a Lei de Costas aprobada posteriormente polo Goberno eliminou a figura da policía de moralidade, que ata entón desempeñaran concellos e comunidades autónomas.
"A lexislación está clara, non se pode criminalizar a desnudez humana", afirma Rodrigo. "Igual que non se pode impedir a un homosexual que acuda a unha praia determinada, tampouco nos poden prohibir practicar o nudismo alá onde consideremos oportuno". Calquera normativa que contradiga este principio, insiste, "non é constitucional".