A Xunta garante a seguridade no Carlos Oroza durante as obras de ampliación do centro
Por Oskar Viéitez
Saindo ao paso da denuncia feita polo sindicato CIG-Ensino, a Consellería de Educación enviou unha mensaxe de tranquilidade á comunidade educativa reiterando que "a seguridade de docentes e alumnos está garantida durante as obras de ampliación" que se están a desenvolver no Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza.
Neste sentido a Consellería di que "extremáronse todas as medidas de seguridade e vixilancia" para evitar calquera incidente tanto nos accesos ao centro como na circulación das persoas que fan uso del, "un procedemento que supervisa diariamente tanto o persoal encargado da obra como a Dirección do CIFP".
Respecto dos ruídos e vibracións, derivadas dos traballos de escavación que se desenvolveron en pasados días sinala que "xa remataron", e que "o centro ofreceu alternativas ao alumnado" para que a actividade docente se desenvolvese co menor número de molestias.
Apuntan que algunhas das clases impartíronse durante uns días no edificio do CEIP Príncipe Felipe, no mesmo recinto da Cidade Infantil. Unha vez finalizados os traballos, a actividade retomouse no centro con total normalidade.