Carlos Blanco: "Pontevedra... Viva!"

Pontevedra
01 de octubre 2012

Si,  talmente semella que das cousas que van quedando vivas unha é Pontevedra...e non é pouco!

Mentres murchan os centros das cidades, mentres a noite queda muda e triste, nestes tempos en que case ninguén baila xa diante das orquestras, cando cantar nun bar supón case unha provocación e unha rareza, en Pontevedra séntese un certo orgullo, unha certa fachenda de ser de alí e dicilo, de reivindicar unha cidade pequena e vivible ( sen coche moito máis), un lugar que amosar ao que ven  sabendo que, quizáis, sexa unha sorpresa desas inagardadas, as mellores...

Téñoo comprobado con amigos chegados de lonxe, esas viaxes que agora se levan, á xaponesa, Europa en 15 dias, esas cousas... Teño visto a sua sorpresa cando os levamos a Pontevedra, cando paseamos con eles, ceamos e deixamos que a marabilla acontecese, que a casualidade nos leváse a unha praza onde se bailaba tradicional... Lembro os seus ollos americanos coma pratos diante do que vían, dos suculentos manxares que nos serviron despois, cousas sinxelas, mil veces vistas para nós, novas para eles...coma Pontevedra. Ainda aparecen proxectos, ideas, cousas, vense gañas... Ainda manténse un nivel de alegría, de troula, de xente disposta, non sei... O máis necesario nos tempos que vivimos. A esperanza. Cousas da autoestima, tan necesaria.

No meu Facebook, descoñezo o porqué e non sei como modificalo, aparece que traballei para o Concello de Pontevedra. Non é mentira. Algúnha vez, algún pregón, algúnha cousa...
Pero non me preocupa que o poña. Ao contrario. Faime chiste. Préstame. Gosto de Pontevedra, teño vivido ducias de noites, de actuacións aqui,  levado no colo dun público sensacional, do millor que teñi visto, en serio... Ben, en serio non sei falar, non é o meu xeito.

Pontevedra viva... Pois Viva! Que carallo!

Carlos Blanco. Actor.

Archivado en