Comerciantes e hostaleiros de Cuntis rescatan a Festa da Belle Époque
Por Redacción
Cuntis revivirá este sábado o esplendor da súa época termal, a principios do século XX. Será cunha nova edición da Festa da Belle Époque. Despois de que o Concello anunciara o pasado mes de agosto que renunciaba á súa celebración, son agora os comerciantes e hostaleiros da vila os que toman o relevo e asumen a organización do evento que, este ano, alcanzará a súa cuarta edición.
O programa da festa, que terá lugar este sábado 3 de outubro, inclúe distintas actividades no centro histórico de Cuntis ao longo de todo o día. Haberá mercado con máis de trinta expositores, teatro de rúa, música de bandas, xogos para os máis pequenos e a cea-baile como colofón.
Os organizadores chaman á participación e animan a toda a veciñanza a vestirse con traxes de época para acudir a esta cita que pretende, segundo o presidente dos hostaleiros Rubén Navia, "revalorizar o casco histórico da vila, dotalo de vida e orixinalidade e poñelo a disposición dos viandantes".
Os actos comezarán ás 11:00 horas polas rúas do centro histórico e pola noite, ás 22:00 horas, terá lugar a cea no salón do balneario. O menú estará composto por brochetas de langostinos, pescada en salsa de marisco e carrilleira de tenreira galega. Os pratos acompañaranse de viños brancos e tintos, licores, café e sobremesa. Ao remate os comensais gozarán dun baile con música en directo.
As reservas aínda poden realizarse a través do teléfono 620 589 396 ou acudindo ao balneario. A día de hoxe xa hai apuntadas unhas oitenta persoas pero agárdase superar as cen inscricións, tal como aconteceu en anos anteriores.