Xabier Fortes, o pontevedrés que aspira a recuperar a pluralidade en TVE
Por Anxo Lourido
O próximo 25 de xaneiro renóvase o Consello de Informativos de Televisión Española. E nesta ocasión, o xornalista pontevedrés Xabier Fortes vai tentar ocupar un dos cargos nese Consello que decidirá durante os vindeiros dous anos o futuro da empresa pública. Xabier asegura que presentou a súa candidatura "la víspera de cerrarse el plazo" e formalizouna porque os seus compañeiros empuxárono a facelo. "Entienden que podía ser un buen perfil en estos tiempos importantes para TVE", admite.
O Consello de Informativos ten, entre outras facultades, a potestade de informar ao Consello de Administración de Televisión Española das posibles manipulacións e malas prácticas informativas, así como das posibles violacións que se produzan en maeria informativa.
O apoio que ten recibido a súa proposta é tan importante que os seus compañeiros en Madrid, coñecedores da defensa que o xornalista sempre realizou de Pontevedra e do club granate, xa lle enviaron fotografías co lema "Vota a Fortes porque todos somos del Pontevedra C.F." e mesmo chapas imitando ás dos candidatos ás eleccións norteamericanas.
Independencia informativa
O seu obxectivo, se sae elexido, é que se cumpran os criterios dos estatutos da empresa pública e, segundo apunta, quere que os informativos sexan "plurales, honestos e independientes". Do mesmo modo, Xabier Fortes quere defender os centros territoriais de TVE. O xornalista pontevedrés foi director do centro de Santiago entre 2007 e 2011 ata que se trasladou a Madrid para presentar e dirixir La Noche no Canal 24 horas, de onde foi destituido en agosto de 2012. Na actualidade atópase, de novo, traballando no centro galego como redactor de informativos.
Asegura que o modelo de TVE cambiou nos últimos tempos e a súa idea é que se poida volver garantir a independencia dos servizos informativos no medio pública. Xabier Fortes afirma que anteriormente o presidente da compañía tiña que ser escollido por dúas terceiras partes do Parlamenteo e iso garantía a estabilidade da compañía durante cinco anos, "ahora ya no es así, los cambios dependen de las decisiones políticas".