Cuntis desenvolve actos dentro do mes da recuperación da Memoria Histórica
Por Redacción
Cuntis celebrará diversos actos con motivo da conmemoriación do mes da recuperación da memoria histórica.
O sábado 31 de outubro ás 12.00 horas está previsto que se desenvolva un Pleno simbólico para levar a cabo a restitución da última corporación municipal antes do golpe de xullo de 1936. Será na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres coas intervencións do alcalde Manuel Campos Velay, ademais de diversos concelleiros da actual corporación que darán paso a Vanessa Fontes Guerra, bisneta de Manuel Rodríguez Sangiao, alcalde no 36 asasinado polos franquistas. Está prevista tamén a intervención doutros familiares de represaliados que finalizará coa actuación musical de Manoele de Felisa e Mini e Mero. O acto concluirá coa colocación dunha placa en homenaxe a todas acódelas represaliadas no municipio de Cuntis.
Tamén se poderán ver varias exposicións como a que promove a asociación O Fervedoiro sobre a figura de Xoán Xesús González que poderá verse no CPI Don Aurelio desde o venres 2 ao xoves 8 de outubro e na Casa da Cultura Roberto Branco Torres desde o 9 ata o 12 de outubro.
Outra exposición centrarase en Roberto Blanco Torres. Esta mostra organizada pola asociación O Meigallo poderá verse na Casa da Cultura entre o 2 e o 8 de outubro e do venres 9 ao 16 no CPI Don Aurelio.
A asociación pola Recuperación da Memoria Histórica inaugurará outra mostra no CPI Don Aurelio baixo o título 'Las fosas del olvido', acompañada do documental 'Las cunetas', de Bodo Marks e Shelina Islam. Poderase ver entre o martes 13 e o 20 de outubro.
Por útlimo, a Casa da Cultura Roberto Branco Torres ofrecerá a oportunidade de visitar a exposición 'Alexandre Bóveda. Da vida e o compromiso (1903-1936)'. Será do 21 ao 26 de outubro.
Relacionadas:
-
Fernando Serrulla e Héitor Picallo, no Mes da Recuperación da Memoria Histórica de Cuntis
Por Redacción |
-
Pleno simbólico en Cuntis para recuperar a Memoria Histórica
Por Redacción |
-
Un Pleno simbólico restitúe a derradeira corporación republicana de Cuntis
Por Redacción |
-
Suspenden todos os actos previstos en Cuntis como homenaxe á Monxa do Penedo
Por Redacción |