Era o Real Madrid o equipo de Franco?
Por Redacción
Carlos Lago Peñas (Vigo, 1974), profesor na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no Campus de Pontevedra intenta respostar dende un punto de vista científico a un dos argumentos máis vellos empregados nas tertulias futbolísticas, se durante a ditadura de Franco, o Real Madrid tiña "algunha vantaxe sobre os demais".
Con ese propósito, o investigador recolle as conclusións dun estudo sobre as ligas de 47 países que levou a cabo xunto cos seus irmáns Santiago Lago, catedrático de Economía da Universidade de Vigo, e Ignacio Lago, profesor do Departamento de Ciencias Políticas da Pompeu Fabra.
Esta investigación permitiu comprobar que "nas ditaduras hai sempre máis desequilibrio competitivo que en democracia, é dicir, que menos equipos gañan máis veces o campionato".
Mais, a pesares de que en casos como os dos países do extinto bloque soviético, "os mecanismos cos que o réxime influía sobre os resultados están claros", por exemplo recrutando aos mellores deportistas para os equipo do exército, "non se puido comprobar este aspecto no caso español.
"A pesares de que se confirma que en ditadura gañaban máis algúns equipos, neste caso Real Madrid e Barcelona, non fomos capaces de atopar de que maneira, se o facía, o réxime franquista condicionaba os resultados", relata.
O profesor pontevedrés tamén entra ao xogo con outras cuestións interesantes coma: "Serían Pelé, Beckenbauer ou Cruyff estrelas no fútbol actual?", ou "Favorecen os árbitros sempre aos mesmos equipos?" Estas e outras moitas preguntas vinculadas a mitos e crenzas relacionadas co chamado ‘deporte rei’ son analizadas por Carlos Lago no seu novo libro Fútbol es fútbol. Una explicación científica sobre creencias del juego.
Publicado pola editorial Mc Sports, este volume trata de "trasladar os resultados de diferentes investigacións a un formato accesible para os adestradores e o gran público", apunta este docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.