'Sprint final' para a vendima en Rías Baixas
Por Oskar Viéitez
Adegas e viticultores apuran esta fin de semana o 'sprint final' da vendima de Rías Baixas. Segundo os datos ofrecidos pola Xunta de Galicia, o pasado xoves recolléronse xa 29 millóns de quilos de uva, sobre unha previsión de 35 millóns. Cantidade e calidade, pois os técnicos corroboran o bo estado sanitario da uva.
Con todo non todas as noticias que chegan deste sector vitivinícola son positivas pois os sindicatos Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores denunciaron que algunhas adegas pagan a uva por baixo do contrato homologado, con prezos inferiores aos custos de produción, e mesmo hai empresas que rexeitan adquirir o total da colleita aos produtores.
As organizacións agrarias Sindicato Labrego Galego, Xóvenes Agricultores e Unións Agrarias, acordaron na mesa de traballo conxunta fixar os custos de produción nas explotacións da Denominación de Orixe Rías Baixas nunha franxa que vai de 1.10 euros a 1.25 euros por quilo de uva, dependendo da morfoloxía da explotación, as amortizacións ou o modelo de traballo.
Este ano, como novidade o Consello Regulador, puxo a disposición dos adegueiros unha ferramenta informática para realizar os trámites necesarios, declarar os quilos de uva e consultar outros datos, sen necesidade de acudir persoalmente á sede pontevedresa do Pazo de Mugartegui ou enviar multitude de correos.
De cumprirse a previsión que manexa a Denominación de Orixe (ao redor de 35 millóns de quilos de uva), esta cifra supoñería un dos maiores rexistros da súa historia, lonxe dos 42 millóns do 2011, pero moito mellor que a do pasado ano que con apenas 24 millóns, supuxo un dos peores niveis en Rías Baixas en canto a cantidade e calidade.
Esta boa colleita coincide cun ciclo de crecemento no mercado español, cunha recuperación de prezos e de volume.
Relacionadas:
-
A D.O. Rías Baixas obtén a terceira colleita máis abundante da súa historia
Por Redacción |
-
A vendima máis divertida, na escola infantil do Tombo
Por Redacción |
-
Despois das choivas retómase a vendima
Por Redacción |
-
Os xaponeses apuntan ao albariño como o "acompañamento perfecto" para a súa gastronomía
Por Redacción |