Así controla os condutores o "ollo de falcón" da Policía Local
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Concelleiros dos distintos grupos políticos achegáronse durante este venres 25 á sede da Policía Local de Pontevedra para coñecer de primeira man o traballo que realizan os axentes nunha visita organizada polo concelleiro e presidente da Comisión de Mobilidade, Luís Bará.
Os concelleiros quedaron sorprendidos polo funcionamento da sala de pantallas da Central de Tráfico (Cetra) onde a través de 27 cámaras de vixilancia regúlase a circulación nas rúas de maior tránsito do municipio.
Alí, o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, explicou que as cámaras serven para abrir os semáforos no caso de que se detecten retencións en determinadas rúas ou no caso de que se produza un accidente e sexa necesario un rápido traslado de feridos a través de ambulancias.
Desde esta central, que funciona como un "ollo de falcón", contrólase unha rede de 550 semáforos e catro aparcadoiros públicos a través da xestión de tres axentes. No caso de que as cámaras rexistren algúna infracción, accidentes ou acontecementos potencialmente delituosos, as imaxes gárdanse como posible proba. Así sucedeu durante a visita dos concelleiros cando se detectou un accidente de tráfico na rúa Manuel do Palacio.
Desta forma, a central serviu para descubrir a un presunto autor dun delito de estafa ao comprobrar que o condutor dun turismo repetía ata sete veces o mesmo percorrido na contorna da ponte de Santiago e metíase na rotonda coa intención de que lle golpease outro vehículo para, desta forma, obter unha indemnización da axencia de seguros.
Daniel Macenlle tamén contou como anécdota o caso dun alumno de autoescola que durante o seu exame para obter o carné de conducir foi suspendido porque o examinador considerou que se saltou un semáforo en vermello. O condutor recorreu á central para pedir que lle mostrasen as imaxes. Comprobouse que pasara en verde e, con esta proba, puido reclamar.
Dende a Central contrólase unha rede de 550 semáforos e catro aparcadoiros públicos
As cámaras de vixilancia tamén axudaron na localización de persoas perdidas e foron revisadas durante 36 horas con motivo da desaparición de Sonia Igrexas.
Salvo nestes casos, todo o que se grava bórrase cando pasan dez días, tal e como o establece a Lei de Protección de Datos. O intendente da Policía aclarou ao concelleiro do PP, José Luís Martín, que as cámaras só poden empregarse para control de tráfico e non para vixiar determinadas zonas da cidade como o centro histórico.
Esta central foi montada en 2004 a través dun convenio coa Dirección Xeral de Tráfico cun investimento de 600.000 euros e trátase dunha das máis modernas de España.
A visita continuou cunha exposición sobre o traballo do departamento de mobilidade da Policía Local a cargo do seu responsable, Emilio Suárez, que mostrou aos concelleiros como se realiza a organización de dispositivos especiais para grandes eventos festivos ou deportivos. A esta visita acudiron os concelleiros do PP, Tomás Abeigón e José Luis Martín; Iván Puentes, do PSdeG-PSOE; Luis Rei, de Marea Pontevedra e María Rey, de Ciudadanos.