A Deputación de Pontevedra declara á provincia, territorio libre de touradas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou cos votos do PSOE, BNG e Marea unha moción na que se declara á provincia como un territorio libre de touradas.
O deputado de Marea, Xosé Lois Jácome, foi o encargado de presentar esta iniciativa que persegue a abolición dos espectáculos que impliquen o sufrimento dos animais.
O debate deste punto estivo precedido pola intervención da portavoz da Asociación Animalista Libera, Patricia Barcala, que dixo estar tamén representando aos colectivos antitaurinos galegos facéndose eco do "sentir antitaurino na sociedade galega e na pontevedresa", demandando o cesamento "de calquera promoción ou soporte público por parte da Deputación" ás corridas que se programan na praza de Pontevedra.
Segundo informou a presidenta da administración provincial, Carmela Silva, entre os anos 2009 e 2014 a Deputación destinou 122.786 euros en publicidade destes festexos, e desde o 2001 ao 2013 subvencionáronse con 25.000 euros a distintas peñas taurinas.
O vicepresidente César Mosquera engadiu a estes datos que o pasado ano a Deputación tamén se gastou 9.500 euros na compra de entradas para poder asistir á lida no coso de San Roque.
Mosquera sinalou que esta moción era "moi centrada e correcta" e sostivo que é falso que este tipo de espectáculos subsista en Pontevedra grazas ás axudas oficiais. Ademais o vicepresidente destacou que no acordo de goberno na Deputación asinado polo PSOE e o BNG xa se fixo constar que esta institución "non presidirá as touradas e non dará axudas para este fin".
Pola súa banda o portavoz do Partido Popular, Ángel Moldes, xustificou o voto en contra do seu partido nunha cuestión de "competencias" ao entender que deben pronunciarse sobre este asunto a Xunta e o propio Concello de Pontevedra.
APOIO AO SECTOR LÁCTEO
Na mesma sesión plenaria a Deputación tamén aprobou, esta vez con unanimidade, unha moción en apoio ao sector lácteo para que os gandeiros galegos que actualmente reciben pagos polo seu leite por baixo dos custos de produción alcancen prezos "competitivos e dignos".
Ademais a institución adherirase á campaña de promoción impulsada pola Xunta 'Galega 100%'.
Tiveron voz antes do pleno representantes da Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo e da Asociación Cultural Banda de Gaitas, debido á moción presentada polo Partido Popular para apoiar a continuidade dá Escola de Gaitas e Percusión.
PSOE, BNG e Marea rexeitaron esta iniciativa tras reiterar que a Deputación non pecha as escolas da Asociación Cultural Banda de Gaitas nin deixa sen atención ao alumnado das mesmas xa que a titularidade das escolas correspóndelle á mencionada asociación e, por tanto, tamén a facultade de decidir sobre o seu futuro e sobre a súa vontade para abrir ou non novas vías de financiamento.
O goberno provincial entende que as subvencións deben materializarse da maneira máis xusta posible e contemplando condicións de igualdade e equidade, como a concorrencia competitiva, algo que segundo o deputado de Cultura, Xosé Leal, non existía coa Asociación Banda de Gaitas que "tiña un trato privilexiado por parte do anterior goberno provincial que non respondía a ningún tipo de xustificación" polo que esa subvención directa supoñía unha "competencia desleal".
Relacionadas:
-
Mocións contra as touradas en todos os concellos de Terras de Pontevedra
Por Redacción |
-
Piden a Lores que tome nota do 20-D e finiquite o convenio taurino
Por Redacción |
-
Propoñen un "referendo municipal" sobre o convenio da praza de touros
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local declárase "antitaurino" pero seguirá pagando por usar a Praza de Touros
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación "non pecha as Escolas da Banda de Gaitas"
Por Redacción |
-
O novo goberno da Deputación cumpre 67 días de traballo "a toda máquina"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Menos touros e máis vacas
Por Oskar Viéitez |