A Deputación "non pecha as Escolas da Banda de Gaitas"
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra "non pecha as escolas da Asociación Cultural Banda de Gaitas nin deixa sen atención ao alumnado das mesmas". Así o reitera o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, que tras notificarlle aos responsables a non renovación do convenio de colaboración, lémbralles que a titularidade das escolas lle corresponde á mencionada asociación e, polo tanto, "a facultade de decidir sobre o seu futuro e sobre a súa vontade para abrir ou non novas vías de financiamento".
A deputación provincial reitera, unha vez máis, o seu "apoio á música tradicional e a todas as asociacións e agrupacións da provincia que están a traballar na súa difusión, promoción e preservación".
No eido económico, o ente provincial entende que este apoio debe materializarse "do xeito máis xusto posible e contemplando condicións de igualdade e equidade, como a concorrencia competitiva". Neste sentido, Xosé Leal xa explicara no seu momento que a Asociación Banda de Gaitas "tiña un trato privilexiado por parte do anterior goberno provincial que non respondía a ningún tipo de xustificación" e que esta situación supoñía "unha competencia desleal ao primar unha asociación cultural sobre as demais da provincia".
"A decisión de non renovar o convenio de colaboración coa Asociación Banda de Gaitas, non implica necesariamente que esta non poida seguir desenvolvendo a súa actividade" argumenta o deputado provincial. Xosé Leal entende que "debe tomar decisións sobre abrir outras vías de financiamento ao igual que outras asociacións similares e que imparten as mesmas disciplinas musicais."
Ante a solicitude realizada por alumnos das escolas para reunirse co deputado provincial e expoñerlle as súas demandas, Xosé Leal ten previsto explicarlles a decisión tomada pola Deputación. Tamén lles adianta que no caso de que a Asociación Banda de Gaitas decida non continuar coa actividade das escolas, hai outras agrupacións nos concellos de referencia ás que poden dirixirse para recibir esa formación musical.
SUBVENCIÓNS AGRUPACIÓNS MUSICAIS
A deputación provincial está notificando neste momento ás asociacións e agrupacións culturais as concesións en axudas concedidas no programa de instrumentos musicais e vestiario. A través deste programa, que está destinado a financiar grupos e asociacións musicais da provincia de Pontevedra para adquisición, recuperación e arranxo de instrumental ou vestiario propio, concedéronse un total de 119.997 euros para 143 asociacións.
A concesión das subvencións realizouse en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta para a adxudicación criterios como a difusión da actividade que realiza a entidade solicitante, o número de persoas que participan, o número de socios e socias da asociación, o orzamento total da actividade ou investimento e porcentaxe solicitada de financiamento, e a adecuación das actividades ou investimentos ao interese provincial.
Relacionadas:
-
A Deputación de Pontevedra declara á provincia, territorio libre de touradas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Alumnos da Escola de Gaitas reclaman a Carmela Silva a continuidade do centro
Por Alejandro Espiño |
-
Representantes da Escola de gaitas queren reunirse con Carmela Silva e con Fernández Lores
Por Oskar Viéitez |
-
O PP solicita que manteñan a Escola de Gaitas da Deputación
Por Redacción |
-
A Deputación deixa de financiar a Escola de Gaitas
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz | Creada e actualizada