O novo goberno da Deputación cumpre 67 días de traballo "a toda máquina"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Dous meses e unha semana leva á fronte da Deputación de Pontevedra o goberno do PSdeG e o BNG, e segundo destacaron Carmela Silva e César Mosquera, presidenta e vicepresidente da institución, están a traballar "a toda máquina".
Nunha rolda de prensa conxunta ambos os mandatarios sinalaron a importancia do pleno deste venres xa que se aprobará unha modificación de crédito de 8,2 millóns de euros que permitirá "iniciar o desenvolvemento das políticas" que socialistas e nacionalistas consideran os seus "proxectos prioritarios" para este mandato.
Será un avance dos grandes eixos que vertebrarán o próximo orzamento.
Segundo resumiu Carmela Silva "xa é perceptible" o novo modelo de relación entre a Deputación e os concellos "de supramunicipal pasou a ser intermunicipal" eliminando a "supeditación e arbitrariedade" que, segundo dixo, existía co anterior goberno do Partido Popular, presidido por Rafael Louzán.
Ademais as partidas habilitadas por esta modificación de crédito servirá para aprobar o Plan de emprego "loitando contra a precariedade", para crear un Servizo de Igualdade, para a compra de composteros e un curso de formación sobre compostaxe, a cofinanciación do saneamento do Gafos ou a dotación dun Servizo de normalización lingüística, entre outros investimentos.
A presidenta destacou a "nova forma de entender a Deputación" que está a poñer en marcha "un goberno coordinado". Neste sentido, abundou César Mosquera para engadir que está a ser "moi satisfactorio" todo este traballo "aquí non estamos con teu chiringo ou meu chiringo, estamos para sacar proxectos adiante", dixo en referencia á relación entre as distintas áreas de xestión "que é mellor dá que existía antes co PP", afirmou.
"Foi un cambio profundo", asegurou Carmela Silva en alusión ás "políticas de transparencia, loita contra a arbitrariedade e imposición dos principios de equidade e Xusticia", que segundo sostivo, puxéronse en marcha nestes 67 primeiros días de goberno.
Relacionadas:
-
O bipartito cumpre cen días á fronte do goberno da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PP critica ao goberno provincial por "vender" os programas de emprego de Louzán
Por Redacción |
-
A Deputación de Pontevedra declara á provincia, territorio libre de touradas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Menos touros e máis vacas
Por Oskar Viéitez |
-
Pau Avellaneda aposta por "acabar con el monocultivo del automóvil" no espazo público
Por Redacción |
-
Que pode aprender Pontevedra das deputacións de Badaxoz e Sevilla?
Por Redacción |