Gastas pista ou botas unha peza?
Por Redacción & Cristina Saiz
Hai dúas décadas, ano 1995, os "picadiscos" das discotecas facían mover ao seu público a ritmo de Simply Red, Ini Kamoze, Shaggy; La Bouche, Scatman John, One DJ Project ou 2 fabiola. Aínda que a profesión dispoñía de nomes propios, nunca como nos últimos anos, o ser DJ atraeu tanto. Tanto que levou ata as mesas de mesturas a vocacións tan dispares como o motociclismo, e elevado aos altares de Forbes e as súas famosas listas de ingresos a nomes como os de Calvin Harris, David Guetta, Avicii ou DJ Testo.
Álvaro Malvar ten 20 anos, así que lonxe lle queda Mick Hucknall e a súa rubia melena rizada; ou non, quere ser DJ, así que quen sabe se o "remixará" nalgunha picada. Viste chaqueta negra deportiva co escudo do Manchester, vaqueiros algo caídos e zapatillas deportivas. Unha barba modesta que lle axuda a disimular a súa mocidade e un discreto "tupé", se é que esta xeración permite tal denominación. Un mozo normal, ao que o mesmo podería atraerlle o EDM (Electric Dance Music), que a Física ou o Dereito. Tras a pertinente conversación, toca sesión fotográfica na que non lle custa pousar: "é o que ten traballar entre público", di este caldelano.
"Crecín escoitando música", apunta. Foi en 2012, durante unhas vacacións en Brasil, nunha festa cuns curmáns, cando a vocación chamou á porta. De entón a hoxe terminou Bacharelato, realizou cursos de DJ e produción, ademais de sesións en discotecas e pubs de Bueu, Cangas, Ponte Caldelas, ou escenarios festivos da comarca. Está a piques de marchar a Madrid para estudar un Ciclo Superior de Son e conseguir que esta vocación sexa tamén unha profesión.
Diamon Agency teno entre a súa lista de artistas. Promociónase ademais nas redes sociais como Facebook, Twitter, Instagram e tamén se lle pode escoitar en SoundCloud.
O mundo da noite non é alleo a tópicos. Álvaro desprende unhas doses de "buenismo", aparelladas seguramente á súa mocidade, que o contrapoñen a esas xeneralidades: "eu dedico mañás, tardes e noites para seleccionar cancións, mesturalas e preparar unha sesión; pero a xente só ve o que hai na cabina. Son moitas horas para preparar unha picada. Eu acabei rebentado despois de estar seis, sete ou oito horas traballando e ter que ir ao fisio", defende.
De seis a oito horas polas que cobra entre 200 e 400 euros, dependendo dos desprazamentos que supoña. Abismo cos máis de 40.000 dólares que Calvin Harris cobra por 15 minutos de actuación; porque agora os DJ´s tamén son un espectáculo en si e os seus cachés relaciónanse cos doutros cotizadísimos artistas internacionais: "gañárono con suor" responde Álvaro.
E é que hai disc jockeys que moven masas. Polo momento Álvaro Malvar lembra con ilusión e por qué non, con orgullo, a cantidade de seguidores que se congregaron na Praza de España as pasadas festas da Peregrina onde actuou xunto ao pontevedrés Arturo García Pichel na festa de Máxima FM.
Masas de seguidores tamén as moven as orquestras en Galicia, comenta; ou o mesmo botellón. A ambos os sinala como competencia ás discotecas: "antes a xente movíase dunhas discotecas a outras como Static, Ramallosa ou Carabás. Agora salvo que haxa algún festival, ou concerto como o deste verán na Peregrina, ou nas festas das Dores de Ponte Caldelas, onde tiven un apoio e unha resposta impresionantes, non é fácil".
Así, aínda que o seu é o EDM, é consciente dos gustos do público: "teñen que gozar e pasalo ben. A xente está máis afeita ao pachangueo, así que empezas con iso porque é o que bailan e co que se animan. Logo vou subindo ao EDM e volves baixar co pachangueo".
Mira con certa envexa a países como Holanda, berce de infinidade de disc jockeys, aínda que afirma que en España tamén os hai pero non conseguen tanta difusión. Na súa contorna fala de Arturo García, Jesús de Campo ou Milucho. As cabinas deixaron de ser terreo exclusivamente masculino; en España transcenderon do panorama nacional mulleres como Lady K, Pelacha ou a galega Cora Novoa. "Teño moitas amigas dj’s, antes eran contadas pero agora vaise vendo que lles gusta e que se dedican a iso".
"Non sei dicir onde terminará a viaxe, pero sei por onde empezar", di a exitosa "Wake me up" do DJ sueco Avicci. Pois iso: sorte rapaz!.