Denuncian ao dono dun bar de Marín por permitir consumo de droga no local
Por Natalia Puga
Un control policial antidroga realizado durante o fin de semana no bar Breca de Marín resolveuse cun balance de oito pesonas identificadas, dous detidos por desobediencia e atentado a axente da autoridade, a intervención de cocaína e marihuana e a localización dun menor supuestamente en situación de desamparo.
O propietario do establecemento, de orixe marroquí, foi denunciado ante a Subdelegación do Goberno de Pontevedra por tolerancia ao consumo de substancias estupefacientes no mesmo e por todos os feitos instruíronse dilixencias policiais que foron remitidas ao Xulgado de Garda de Marín.
Axentes adscritos ao Grupo Local de Seguridade Cidadá, acompañados por un funcionario do Grupo de Estranxeiros da Comisaría da Policía Nacional de Marín realizaron o control neste bar situado na avenida de Ourense na madrugada do sábado.
Durante a actuación policial identificouse a oito persoas e incautouse marihuana e cocaína. Froito diso, levantáronse catro actas de intervención de substancia estupefaciente e propúxose a imposición das correspondentes sancións administrativas.
Dous individuos opuxeron resistencia aos axentes cando procederon a realizar a intervención e ata intentaron agredilos, polo que foron reducidos e detidos por desobediencia e atentado a axente da autoridade
A intervención permitiu a localización no bar dun menor indocumentado en aparente situación de desamparo. O mozo foi trasladado a dependencias policiais e posteriormente entregado a un familiar, dándose conta dos feitos á Fiscalía de Menores de Pontevedra.