Piden que o Concello reclame á Cámara de Comercio o diñeiro "irregularmente cobrado" por Ferpalia e Pomóvil
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal de Marea presentou unha moción ao próximo pleno de outubro do Concello de Pontevedra na que busca o acordo da corporación municipal para instar o goberno local a que reclame á Cámara de Comercio a devolución das subvencións outorgadas para as feiras Ferpalia e Pomóvil, e, no seu caso, presentarse nos procedementos xudiciais que se seguen contra a institución cameral.
O portavoz de Marea, Luís Rei, explicou en rolda de prensa que desde hai tres anos levan abertos no xulgado varios procedementos sobre a xestión económica da Cámara de Comercio de Pontevedra. En paralelo, Luís Rei lembrou que os medios de comunicación fóronse facendo eco de "actuacións nas que o goberno do Concello actuou de maneira neglixente no seguimento das subvencións outorgadas á Cámara".
Á luz de todo isto, Marea Pontevedra solicita ao Pleno do Concello que inste o goberno local a que reclame da Cámara de Comercio, "en defensa dos dereitos de todos os pontevedreses", a devolución das cantidades entregadas polo concello "e irregularmente cobradas" pola Cámara para a realización das feiras de Ferpalia e Pomóvil.
Luís Rei indicou que corresponderá aos servizos técnicos municipais determinar a canto ascende a cantidade que se pode reclamar.
No caso de que a Cámara non proceda á devolución dese diñeiro, Marea Pontevedra propoñerá que o Concello se presente nos procedementos xudiciais que se seguen contra a entidade cameral, entre outros motivos pola fraude nas subvencións recibidas polo concello, "para esixir as responsabilidades que correspondan a quen defraudou o patrimonio de todos".
Relacionadas:
-
Marea propón un uso social para os cartos devoltos pola Cámara de Comercio
Por Redacción |
-
Pontevedra quedará cun "punto de atención ao público" tras o traslado a Vigo da Cámara de Comercio
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra xa é un Concello contrario aos circos con animais
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A Xunta presentará en setembro a nova Cámara resultante da fusión das de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía
Por Redacción |
-
A Xunta traslada á Fiscalía un informe sobre a Cámara de Comercio para que decida se na súa xestión hai delito
Por Natalia Puga |
-
Francisco Moldes e Ricardo Mirón declaran como imputados pola súa etapa como presidentes da Cámara
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Piden tres anos de prisión para a secretaria da Cámara por aceptación de suborno
Por Redacción |