Denuncian a "falta de ética e principios democráticos" de Jorge Canda, "un alcalde en retirada"
Por Alejandro Espiño
Ao PSOE da Lama non lle gustou nada que o alcalde da localidade, o popular Jorge Canda, non invitase aos concelleiros da oposición á visita institucional que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, realizou o pasado venres ao Concello. Non só polo detalle de non seren invitados, senón porque segundo o portavoz socialista, Enrique Vaqueiro, "se incumple un acordo plenario".
Enrique Vaqueiro recorda que, o pasado 12 de xullo, o Pleno da corporación municipal debía votar un plan de axuste para facer fronte á elevada débeda do municipio, "e como moitos dos concelleiros do PP non foron ao pleno, o alcalde pediunos que votásemos a favor". Di o edil socialista que aceptaron a cambio de seren invitados a todos os actos oficiais que se realizasen no municipio.
Pero coa visita de Alfonso Rueda rompeuse ese acordo. Asegura o portavoz do PSdeG-PSOE na Lama que se trata dunha actitude "despótica" de Jorge Canda, ao que acusa de dinamitar as relacións entre o goberno municipal e o principal partido da oposición. Unha situación de "desprezo e ausencia de calidade democrática que existe no Concello desde que é alcalde".
Así o explica Enrique Vaqueiro nunha carta dirixida a Jorge Canda, unha misiva similar á que tamén remitiu ao propio Alfonso Rueda. Ante o vicepresidente da Xunta critica que se utilice o Concello da Lama "para favorecer a imaxe pública do partido que a controla", e lamenta que "a única forma de que poida escoitar o que opinan os concelleiros do PSOE, votados polo 25 por cento dos habitantes da Lama, sexa a través desta carta".
Conclúe Enrique Vaqueiro cualificando a actuación de Jorge Canda como algo dunha "falta de ética evidente", pero sobre todo dunha "ausencia de principios democráticos dun alcalde en retirada que controla o Concello, a casa de todos, coma se fose unha leira privada".