Peche dos traballadores da Autoridades Portuarias
Por Redacción
Arredor de 80 traballadores da Autoridade Portuaria de Marín vense afectados polos recortes salariais. Por ese motivo secundaron as protestas establecidas polos tres sindicatos, CC.OO, UGT e CIG cun peche durante esta primeira xornada reivindicativa establecida en todo o Estado.
Segundo apuntan os representantes sindicais, dende o pasado mes de xuño está aprobado o convenio colectivo e non se está a aplicar por problemas con Facenda. En toda España son máis de cinco mil os afectados. Sinalan que aínda que se trata dun ente público do Estado, as taxas son privadas e durante o pasado ano, os portos incrementaron un 7% o seu tráfico portuario con beneficios de máis de 200 millóns de euros. Na autoridade portuaria de Marín, a actividade económica aumentou tamén durante 2012 nunha cifra próxima ao 4%.
Segundo confirmaron fontes sindicais consultadas, o encerro de hoxe manterase ata as seis da tarde e mañá volverase desenvolver outra xornada de encerro.
As protestas continuarán cun amplo calendario ata abril no que se inclúen concentracións e dous días de folga. Os traballadores afirman que están a sufrir o recorte dos salarios e a perda de dereitos salariais co aumento da xornada laboral.