Moreira solicita que se lle asigne a dedicación exclusiva que lle corresponde ao PP
Por Oskar Viéitez
O portavoz municipal do PP, Jacobo Moreira, presentou un escrito no Concello de Pontevedra solicitando que a partir deste mes se lle abone a dedicación exclusiva que corresponde á oposición municipal.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, sinalou que se volve á situación da vez anterior co que a restitución do salario será inmediata xa que únicamente estábase á espera de que o PP comunicase a quen asignar o soldo. "ÿl se lo comió y él se lo guisó y ahora que le aproveche", sentenciou.
Moreira reclama que se lle asigne como portavoz a única dedicación exclusiva que corresponde ao PP despois de que o pasado verán o goberno local acordase eliminar dúas das tres que tiña a oposición desde o inicio do mandato.
"Despois de todo o lío que montou sobre este tema, a rebelión interna que montou, despois de todo o que largou por esa boquita, agardo que isto sirva para tranquilizar a vida municipal", dixo Raimundo González.
"No PP traballamos todos e só vai cobrar un, e no goberno cobran todos e non traballa ninguén"
Pola súa banda Jacobo Moreira declarou que "o único que teño que dicir é que no Partido Popular traballamos todos e só vai cobrar un, e no goberno cobran todos e non traballa ninguén", apuntou o voceiro popular, convencido de que "se intentou desmembrar á oposición e deixala sen medios para traballar".
O soldo que agora cobrará Moreira é de 43.865 euros brutos anuais repartidos en catorce pagas.
Outra lectura da solicitude do Partido Popular é que o portavoz pontevedrés alberga poucas esperanzas de que a lista se mova e que poida ser deputado no Parlamento Galego, ía no posto 16 e o PP obtivo 11 deputados, "non teño nada que dicir sobre iso", indicou Moreira.
O reparto dos soldos e as dedicacións exclusivas sacou á luz a crise existente no seo do grupo municipal do PP que a finais de decembro desembocou no anuncio de dúas dimisións, as de José Manuel Guillán e Begoña Laya. A día de hoxe ningún dos dous edís formalizaron a renuncia ás súas actas no concello.