Remata sen incidencias a intervención dos traballadores de Ence no pleno municipal
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Lonxe queda xa o pleno que durou dez horas cando os traballadores de Ence se pecharon nas instalacións do Teatro Principal durante unha sesión na que se caracterizou polos berros, os insultos e a tensión en outubro de 2004 cando Fernández Lores decidiu non suspender o pleno da Corporación. Case once anos máis tarde, como aseguraba un líder sindicalista, "todos imos máis vellos" e os ánimos tanto dos políticos como dos representantes dos traballadores e dos máis de mil empregados de Ence e das empresas auxiliares que se achegaron ata o Teatro Principal canalizáronse de maneira que todo transcorreu sen incidentes durante o tempo de debate sobre a continuidade da fábrica no fondo da ría.
Axudou para que a tensión se mantivese controlada que a moción sobre Ence que se atopaba no punto 21 da orde do día se adiantase a petición do portavoz do Partido Popular, Jacobo Moreira. O alcalde aceptou a proposta e os presidentes dos comités de empresa da pasteira, Ana Cedeira e Pedro Soto, interviñeron para expoñer a súa postura sobre o futuro de Ence.
Ana Cedeira, representante de oficinas e forestais, defendeu a continuidade da pasteira en Lourizán sinalando que non utilizan cloro e que son un activo fundamental para a economía da comarca e do Porto de Marín. Indicou a necesidade de manter postos de emprego na comarca: "quero dar un futuro á miña filla en Pontevedra", comentou a portavoz sindical e retou aos políticos do BNG, de Marea e do PSOE para buscar unha alternativa para a fábrica.
"Saben que o traslado é inviable", afirmou e preguntou ao alcalde de Pontevedra por que nunca visitou a factoría sinalando que "cando deixe de ser político poderá ir ao seu posto de empregado público, nós non temos alternativa" e concluíu cun "rectificar é de sabios" convidando as forzas de esquerda con representación no pleno a que non apoiasen as propostas contrarias a Ence.
A continuación, Pedro Soto, presidente do comité da fábrica, subiu ao escenario do Principal para darlle a man ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para despois, micrófono en man, indicar que desde o goberno local estaba a darse "unha patada no cú aos cidadáns de Ence". Reclamou un pleno monográfico sobre a situación da factoría na que participen representantes da empresa, traballadores e políticos. E sostivo o argumento da necesidade de manter o emprego.
DEBATE POLÍTICO
Tras a intervención dos representantes do persoal, comezou o debate político co portavoz do BNG, César Mosquera, recoñecendo que hoxe Ence non contamina como "hai 20 anos" pero indicou que desde as filas nacionalistas sempre se pediu o traslado da fábrica, desde a década dos 70. Desde o público increpóuselle: "vostede nunca pedíu o traslado, sempre pedíu o peche". Mosquera apuntou que un alto cargo da empresa dixéralle que era máis barato cambiar a opinión pública que cambiar a localización da fábrica. E destacou que as urnas nas eleccións municipais habían apoiado a postura en contra da permanencia da fábrica fronte a Ciudadanos e ao PP que se manifestaron a favor da continuidade.
A concelleira de Ciudadanos, María Rey, arrincou aplausos ao indicar que non quería que se deixase na rúa a 800 familias e ao apuntar que "Ence non se traslada. Pecha as portas".
Por outra banda, Luís Rei, portavoz de Marea Pontevedra, defendeu outras fórmulas de emprego na zona sinalando que no últimos quince anos pasouse de 1.000 a 300 mariscadores no fondo da ría. A intervención de Rei foi interrompida en varias ocasións por berros desde as butacas do Principal. O alcalde tivo que pedir que se mantivese a orde. O portavoz de Marea insistiu na recuperación do espazo que ocupa a factoría para o dominio público.
Desde a bancada socialista, Agustín Fernández criticou a bipolaridade do líder popular Jacobo Moreira e lamentou que a empresa non buscase alternativas a pesar de saber que estaba obrigada a abandonar Lourizán en 2018. O portavoz socialista tamén foi interrompido cando tachou de prepotencia a actitude por parte da empresa pasteira e engadiu que "alguén se quere forrar a costa dos traballadores". Continuou coas críticas polo cambio de postura dos populares e reclamou un Plan estratéxico ao alcalde para estudar a viabilidade da empresa noutra zona da comarca ou da provincia. A súa intervención finalizou con apupos por parte dos traballadores de Ence.
En cambio, Jacobo Moreira, portavoz do PP, arrincou os aplausos no patio de butacas indicando que o PP foi o único que propuxo alternativas e afirmou que a empresa ten dereito a pedir a prórroga porque nestes momentos non é posible o traslado. Mantivo o seu argumento de que non se debe adoptar unha decisión que incremente o desemprego e que, en cambio, a Ence haberá que esixirlle a creación de postos de traballo e melloras ambientais a cambio da súa continuidade. Cualificou de "penoso" que o alcalde de Pontevedra non visitase a fábrica. A estas palabras contestou César Mosquera cualificando de regresiva a actitude do Partido Popular que con Javier Cobián xa tentara que Ence abandonase esa localización.
A emenda do PSOE foi rexeitada ao absterse o BNG e só conseguir os cinco votos socialistas e de Marea. A emenda de Marea si contou co apoio do BNG e tamén do PSOE e sumouse á moción nacionalista que foi aprobada cos votos en contra dos concelleiros do Partido Popular e a representante de Ciudadanos.
Tras o debate, os traballadores de Ence abandonaron o Teatro Principal. "Como berrei desde o galiñeiro" comentaba un medio afónico, mentres outro operario cualificaba a sesión de vergoña. Fóra atopábanse centos de compañeiros que permaneceran á espera e entoaron o lema: Ence si, paro non. Pedro Soto e Ana Cedeira dirixíronse aos traballadores nas portas do teatro agradecéndolles a asistencia e sinalando que non se trata da última batallla porque "a guerra continúa". Polo momento, o comité analizará as últimas intervencións e estudará as próximas actividades reivindicativas que levarán a cabo.
Representantes do comité de empresa de Elnosa co seu presidente á cabeza tamén asistiron a este pleno antes da reunión que este mércores manterán co alcalde de Pontevedra no Concello.
Relacionadas:
-
Os comités de Elnosa e Ence únense no pleno de Barro para reivindicar a continuidade das factorías
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Poñen en marcha unha campaña "o máis masiva posible" para contrarrestar as "medias verdades" de ENCE
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Pontevedra retransmitirá pola internet os plenos
Por Oskar Viéitez |
-
Podemos Pontevedra advirte que o comportamento medioambiental de ENCE é "pouco fiable"
Por Redacción |
-
Todos perderon plumas, no Pleno máis longo do ano
Por Oskar Viéitez |
-
Anova afirma que nin unha soa persoa vencelada a Ence traballa de maneira estable nos montes
Por Redacción |