Pontevedra reforza os seus lazos fraternais con Barcelos
Por Redacción
Desde 1971, Pontevedra e a cidade portuguesa de Barcelos están irmandadas. É unha relación que se foi reforzando co tempo -especialmente tras a potenciación do Camiño Portugués e o fortalecemento do Eixo Atlántico- e, este venres, os dous municipios celebraron un novo acto de confraternidade.
Foi no concello pontevedrés, onde o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores recibiu ao presidente da cámara municipal de Barcelos.
No acto tamén estivo presente o presidente da asociación Amigos do Camiño Portugués a Santiago, Celestino Lores.
Durante encontro, os dous alcaldes estiveron falando das súas respectivas cidades explicando os puntos fortes de cada unha delas. O modelo de cidade no caso de Pontevedra ou a aposta pola artesanía local no caso de Barcelos.
Finalmente intercambiáronse unha serie de agasallos consistentes en publicacións de cada un dos concellos. Ademais, Fernández Lores entregoulle unha boneca de porcelana vestida co traxe galego, mentres que Miguel Jorge da Costa agasallou a Pontevedra cun galo peregrino de Barcelos, unha peza exclusiva para esta recepción.
A reunión rematou co compromiso do alcalde de Pontevedra de visitar Barcelos co gallo da semana da artesanía da cidade.