Os representantes dos traballadores de Ence anuncian que irán con ánimo reivindicativo ao pleno
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O pleno municipal do próximo martes 22 prevese tenso e maratoniano. Niso colaborarán os traballadores de Ence e de empresas auxiliares que teñen previsto acudir a esta sesión para mostrar a súa oposición ás diferentes mocións que se van a presentar contra a continuidade da factoría na ría de Pontevedra.
Os presidentes dos dous comités de empresa da pasteira, Pedro Soto e Ana Cedeira, presentaron este venres 18 a súa solicitude para participar no pleno para, desta forma, dar traslado ante os concelleiros e o alcalde da visión dos traballadores de Ence en relación co futuro da empresa.
Así o afirmaba Pedro Soto, presidente do comité dos traballadores da fábrica, que manifestou que é importante que se lle conceda voz aos presentantes dos traballadores para que poidan defender o emprego e a riqueza que xera Ence para a zona e para Galicia. "Pedro y yo queremos intervenir para explicar al alcalde y al resto de concejales cómo se verían afectado los trabajadores si Ence se ve fuera de la ría", indicou a presidenta do comité das oficinas e de forestais, Ana Cedeira, que sinala que é representante de preto dun centenar de empregados da empresa.
Ambos os representantes sindicais queren participar neste pleno da corporación. Por este motivo, consideran que resulta escaso un período de dez minutos para as súas intervencións: "É moi pouco tempo para a entidade do asunto que se vai tratar, e pouco para tanto como xa falaron en contra de Ence e tanto como temos que defender nós os nosos postos de traballo", apuntou Soto.
Desta forma, os representantes laborais realizaron un chamamento para que o martes acudan ao Teatro Principal tanto os traballadores que teñan o día libre, como os xubilados da factoría e empregados de empresas adxacentes. Anuncian que levarán pancartas e mostraranse reivindicativos porque entenden que queren "quitar nuestros puestos de trabajo y vamos a decirle al alcalde y al resto de concejales que queremos que Ence siga aquí", engadiu Ana Cedeira.
Relacionadas:
-
Lores recibirá o día 23 ao comité de empresa de Elnosa
Por Redacción |
-
PXOM, lombos en Montecelo e ENCE, entre as case 20 mocións dun Pleno que se prevé maratoniano
Por Alejandro Espiño |
-
Axitado pleno na Deputación con traballadores de Ence e os deputados populares abandonando a sesión
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |