Ferido grave un taxista ao caer por un desnivel de tres metros e encaixarse nunha casa en Salcedo
Por Diego Torrado & Natalia Puga
Un taxista resultou ferido de gravidade a última hora deste domingo tras verse implicado nun espectacular accidente de circulación na parroquia pontevedresa de Salcedo. Tivo que ser excarcerado polos bombeiros e o seu vehículo retirado cun guindastre.
O ferido saiuse da vía por motivos que se descoñecen, desviouse por un camiño levando por diante o gardarrail, voou uns dez metros metros e caeu desde o nivel da estrada a unha leira. O desnivel é de entre dous e tres metros e o coche quedou en posición vertical, co morro encaixado no chan logo de levarse por diante un muro e chocar contra a parede dunha vivenda.
O aparatoso accidente deixou o coche, un Renault Scenic, coa parte dianteira totalmente esnaquizada e o motor á vista encaixado contra unha superficie de herba, entre unha árbore e unha vivenda unifamiliar. Un dos laterais do vehículo quedou pegado á parede da vivenda e derribouna, deixando un burato de grandes dimensións en dúas das dependencias da mesma, un garaxe e un aseo.
A gravidade do accidente fixo necesaria a intervención da Garda Civil de Tráfico e do Corpo de Bombeiros de Pontevedra. Os bombeiros tiveron que excarcerar ao condutor, que quedou atrapado no interior do turismo e tivo que ser trasladado por unha ambulancia do 061 a un centro hospitalario cun pronóstico grave.
Ao parecer, estaba consciente no momento no que logrou ser liberado do taxi e trasladado á ambulancia, aínda que non transcenderon nin a súa identidade nin a entidade das lesións sufridas.
Ademais, foi necesaria a intervención dun guindastre de grandes dimensións para levantar o vehículo e retiralo da leira na que quedou encaixado. O guindastre chegou ao lugar dos feitos pasada a medianoite e os traballos prolongáronse durante máis dunha hora.
O sinistro produciuse pasadas as 22.30 horas deste domingo na estrada EP-0012, que une o barrio de Campolongo co cuartel da Brigada de Infantería Lixeira (Brilat) en Figueirido. En concreto, produciuse no lugar de Birrete da parroquia de Salcedo.
No momento do sinistro o taxi circulaba en dirección a Pontevedra logo de levar un militar ata a base General Morillo da Brilat. Estase investigando se o condutor sufriu algún problema de saúde antes de perder o control do seu vehículo, aínda que non hai ningún dato contundente en relación coas causas e circunstancias concretas do sinistro.
Segundo quedou rexistrado na páxina web do Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o sinistro produciuse ás 22.38 horas deste domingo, aínda que os bombeiros non foron alertados ata varios minutos máis tarde, unha vez que se coñeceu a gravidade do sinistro e a necesidade de que interviñesen para proceder á excarceración do ferido.
Fontes do Complexo Hospitalario de Pontevedra indicaron que o ferido, J.D.D., de 70 anos, permanece ingresado na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Montecelo cun pronóstico de gravidade.