Nin o PP nin Marea presentarán unha moción de censura a Lores
Por Oskar Viéitez
A luva lanzada á oposición polo goberno local do BNG para que expoñan unha moción de censura non será recollido nin polo PP, nin tampouco por Marea.
Despois de que o goberno local perdese unha nova votación nunha comisión, o concelleiro nacionalista, Luís Bará, retou a PP, PSOE, Marea e Ciudadanos a que sumen os seus 13 concelleiros para desaloxar ao goberno en minoría que sosteñen os 12 edís do BNG.
Con todo, nin os 7 edís populares, nin os dous de Marea, teñen intención, a día de hoxe, de expor unha alternativa ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
"No tenemos pensado hacer ninguna moción de censura. Estaría fuera de la realidad ", afirmou o concelleiro do PP, Rafael Domínguez.
Pola súa banda Luís Rei asegurou que o Bloque "ten catro posibles socios cos que entenderse", pero dito isto a Marea "non se ofrece para gobernar con estes señores", sinalou en referencia ao BNG.
O concelleiro de Marea engadiu que "non imos gobernar coa oposición porque estamos nas antípodas do PP, pero tampouco imos participar nun goberno cun Bloque cuxa práctica nos afasta practicamente en todo", apuntou respecto ao "sectarismo e dogmatismo" que, ao seu xuízo, está a demostrar o BNG no Concello de Pontevedra.