"Ao final están a demostrar que durante moitos anos non fixeron nada", di o alcalde sobre Ence
Por Oskar Viéitez
"A min non me van a convencer con actuacións que ao final están a demostrar que durante moitos anos non fixeron nada". Así reaccionou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tras coñecer os investimentos de Ence para eliminar cheiros e vapores, e a vontade da dirección da empresa de compartir coa cidadanía a enerxía térmica excedentaria do complexo industrial de Lourizán.
Fernández Lores reprochou aos responsables do Grupo Ence que "agora se acordan do cheiro cero, do ruído, do impacto, pero mentres non viron perigar a súa localización estiveron escaqueando todo tipo de investimentos para diminuír ese impacto".
Para o alcalde pontevedrés xa non é un problema "do de agora nin o de antes" senón que "foron 60 anos de ocupación inxustificada dun espazo natural que é de todos os pontevedreses" e que agora "queremos reverter ao estado máis natural posible no que se atopaba no ano 1955".
O rexedor nacionalista ha admitido que "sendo absolutamente respectuoso, e entendendo as posicións" tanto da empresa como dos traballadores para garantir o seu posto de traballo pero asegurou que "xa non hai escusas" porque os donos da compañía "tiveron 30 anos para buscar alternativas de localización fóra da ría de Lourizán".
Fernández Lores lembrou que a "folla de ruta" que presentaron os colectivos e institucións en defensa da ría de Pontevedra pretende que non se prorrogue a estancia en Lourizán de Ence Elnosa, "polo menos antes das eleccións xerais".
Neste sentido, estes colectivos esperan que os comicios anunciados para o 20 de decembro provoquen un cambio no goberno que permita retomar os principios da anterior Lei de Costas, que contemplaba a caducidade da concesión no ano 2018. "E a partir de aí pedir o seu traslado e a recuperación dos terreos", concluíu.
Relacionadas:
-
Poñen en marcha unha campaña "o máis masiva posible" para contrarrestar as "medias verdades" de ENCE
Por Alejandro Espiño |
-
O PP rexeita pedir á Xunta que emita un informe desfavorable sobre Ence
Por Redacción |
-
Ence quere compartir a calor que lle sobra
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
A Confederación de empresarios galegos expresa o seu apoio a Ence
Por Redacción |
-
Ence investirá máis de 20 millóns de euros nunha terceira depuradora que achegará unha máxima calidade ao seu afluente
Por Noticia patrocinada |
-
O PSOE presentará unha proposición no pleno reclamando á Xunta e á Deputación unha reubicación para Ence
Por Redacción |