Bará, ante o veto da oposición aos lombos de Montecelo: "Que se atrevan a dar o paso a gobernar xuntos"
Por Alejandro Espiño
Para Luís Bará, impulsor do proxecto de reforma dos accesos a Montecelo, a postura dos partidos da oposición con respecto aos lombos previstos no viario é un "ataque frontal" ao modelo de cidade. Tanto que, este martes, lanzou un reto a todos eles. "Que se atrevan a dar o paso a gobernar xuntos", afirmou en rolda de prensa e se buscan cambiar a filosofía urbana de Pontevedra "que se deixen xa de xogos florais".
O edil do BNG explicou que se desexan dirixir o deseño urbano de Pontevedra "xa saben o que teñen que facer", en clara alusión á moción de censura que poderían presentar contra o goberno de Fernández Lores. Se non é o caso, dixo, "imos seguir aplicando" este tipo de medidas de acougado de tráfico nas zonas máis problemáticas para a seguridade viaria. E avanzou que, neste sentido, non haberá marcha atrás en Montecelo.
"A nós encántanos que se poña o foco sobre esta obra porque cando a xente vexa o que vamos a facer vai alucinar", sinalou Bará, que apuntou que xunto á Deputación nas inmediacións de Príncipe Felipe, esta actuación cambiará por completo o aspecto desta zona con novas beirarrúas, unha mellor iluminación, unha reordenación dos aparcadoiros e uns pasos de peóns "seguros".
Tras destacar que no goberno municipal "seguiremos nesta liña con toda convicción e valentía", o concelleiro nacionalista quixo reflexionar sobre por que o que estes partidos rexeitan en Pontevedra aplícano naquelas localidades onde gobernan ou gobernaron como Ponte Caldelas ou Vilagarcía de Arousa. "Eu vexo lombos por toda a provincia", apuntou, algo que só se explica "porque queren acabar cun modelo que demostrou ser exitoso".
Sexa como sexa, igual que a semana pasada, na que toda a oposición votou xunta para impulsar o novo PXOM, Partido Popular, PSdeG-PSOE, Marea Pontevedra e Ciudadanos uniron as súas forzas nunha nova moción que propón prescindir dos once novos pasos elevados planificados polo goberno municipal no ámbito de Montecelo, ademais de habilitar as chamadas vías sanitarias de acceso ao hospital.
O voceiro socialista, Agustín Fernández, como impulsor desta proposta, enmarcou a postura do BNG neste asunto na "cerrazón mental, falta de cintura política e nula capacidade para escoitar opinións contrarias". Asegura que os grupos políticos, os veciños ou as asociacións sanitarias "dixémoslle que non" á instalación dos lombos "pero eles seguen turrando", o que lle leva a pensar que "a participación cidadá da que presumen cada día non debe valer".
Pese ao dito por Bará, os socialistas aseguran valorar positivamente o calmado de tráfico que en xeral teñan logrado os lombos, pero consideran que tamén deben existir excepcións a esta norma e os accesos a un centro sanitario deben ser unha delas, "pois son unha dificultade engadida ao traslado de pacientes". Así, propoñen crear tres vías sanitarias (norte, oeste e sur) libres de lombos entre o hospital de Montecelo e as principais vías de comunicación
No resto dos puntos da reforma si é unánime o acordo, especialmente na construción de novas beirarrúas, na nova iluminación ou na reordenación do tráfico, pero o PSdeG-PSOE solicita que se aproveite a intervención para acometer obras "que levan sendo reclamadas polos veciños desde hai anos", como a recollida de pluviais nos viais da zona de urxencias, a instalación de novas marquesiñas ou renovar toda a sinalización vertical e horizontal.
REUNIÓN EN MOURENTE
Xa pola tarde, os catro partidos políticos que apoiarán esta moción no Pleno do próximo martes, Partido Popular, PSdeG-PSOE, Marea e Ciudadanos, mantiveron un encontro cun grupo de veciños contrarios a esta actuación. A reunión celebrouse nas instalacións da Cultural de Mourente. Tamén estaban convidados o xerente do CHOP e todos aqueles colectivos que se considerasen afectados por esta medida.
O obxectivo era establecer unha folla de ruta común para frear o proxecto do goberno municipal.
Relacionadas:
-
O BNG, disposto a preguntar barrio por barrio se os veciños queren retirar os lombos
Por Redacción |
-
PXOM, lombos en Montecelo e ENCE, entre as case 20 mocións dun Pleno que se prevé maratoniano
Por Alejandro Espiño |
-
Nin o PP nin Marea presentarán unha moción de censura a Lores
Por Oskar Viéitez |
-
Veciños e técnicos sanitarios plantan cara á febre dos 'lombos'
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
O xerente do CHOP reitera ao Concello o seu desacordo coa instalación de lombos diante do Hospital Montecelo
Por Redacción |
-
Bará acusa a oposición de ter "o cerebro motorizado porque cando analizan un proxecto pensan en coches"
Por Redacción |