Médico Ballina e o ámbito dos centros de saúde da Parda e Monte Porreiro, en obras antes de final de ano
Por Alejandro Espiño
Cerca de tres millóns e medio de euros investirá o Concello de Pontevedra, ata final de ano, en obras de seguridade viaria, accesibilidade, mobilidade e mellora ou apertura de novos espazos públicos en distintos puntos da cidade. Así llo trasladou o concelleiro desta área, Luis Bará, aos membros da comisión de Mobilidade, Obras e Servizos que, para preparar o próximo pleno, reuníronse este martes en dependencias municipais.
A primeira delas será a construción da nova praza diante do Hospital Provincial que, segundo Bará, comezará antes de que remate este mes de setembro. É o que reflicte o plan de traballo, coordinado co Sergas co fin de xerar as menores molestias aos enfermos e non interferir na actividade asistencial. A obra foi adxudicada á empresa Covsa por 335.429 euros e inclúe a rúa Casimiro Gómez na área a reformar.
O Provincial non será o único hospital que verá mudar o seu ámbito, porque o Concello apura a redacción do proxecto de reforma para mellorar a seguridade viaria e accesibilidade diante de Montecelo. Agardan que, tras as consultas realizadas a diversos colectivos, o proxecto estea rematado este mesmo mes de setembro. A Deputación ocuparase finalmente da rotonda de acceso de Príncipe Felipe e o Concello da actuación diante do centro hospitalario.
Adxudicados están tamén, no seu caso á empresa EC Casas, os traballos para a mellora dos accesos a Monte Porreiro por Os Campos. Neles investiranse 241.000 euros e comezarán en outubro. Ademais da reforma viaria, nesa zona implantaranse medidas físicas de calmado de tráfico -cinco lombos-, igual que na rúa Médico Ballina, no tramo que vai desde a farmacia de Lérez á rotonda da avenida de Compostela.
Esta última actuación, da que polo de agora se descoñecían os detalles, permitirá resolver, sinalou o concelleiro nacionalista, o "elevado risco de accidentes" que hai nese treito da rúa. Estes traballos acometeranse, dixo, tras a petición dos propios veciños. É un traballo similar ao que se levará a cabo tamén nas proximidades dos centros de saúde e educativos de A Parda e Monte Porreiro e que se iniciará nas próximas semanas.
Bará explicou que tamén se acometerá a mellora do ámbito de Pasarón, concretamente a parcela situada diante da grada de Tribuna, unha obra orzamentada en 241.823 euros e que será aprobada na próxima Xunta de Goberno municipal; e o arranxo das rúas Javier Puig e José Millán, nas que se investirán 285.234 e 437.328 euros, respectivamente. Ambas estarán en obras antes de finais de ano.
Ademais, en breve sairá á adxudicación dous contratos de servizos, un para a conservación e mantemento das vías urbanas por valor de 726.000 euros e outro, de 792.000 euros, para a renovación e conservación da sinalización horizontal e vertical para os próximos catro anos.