Veciños e técnicos sanitarios plantan cara á febre dos 'lombos'
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
O proxecto de mellora do acceso ao Hospital Montecelo promovido polo Concello de Pontevedra segue a gañar detractores que apoian a necesidade de executar unha actuación, pero rexeitan que inclúa a instalación de varios lombos para o acougado do tráfico. Despois de que todos os partidos da oposición manifestasen esta postura, agora cobra forza a loita veciñal. Veciños do lugar de Moldes, en Mourente, están a promover unha fronte común contra os badéns no que xa contan co respaldo da Asociación Galega de Técnicos de Emerxencia (ASGATE) e están a manter reunións con diversos colectivos sociais e veciñais. O seu último paso foi iniciar unha petición a través da plataforma dixital change.org para reunir firmas contra o proxecto.
"Aínda a unha persoa que está ben moléstanlle os lombos, para canto máis a unha persoa que ven nunha ambulancia cunha cadeira ou unha perna rota. Eu véxoo fatal. O dos lombos, fatal". Concepción Couto, veciña de Moldes, resume desta forma o sentir do colectivo en relación coa instalación das medidas de acougado de tráfico. As súas palabras coinciden ao 100% coas do portavoz veciñal, Eulogio Sartier, a quen lle "parece un clamor" a necesidade de que o Concello reformule a actuación.
Os veciños de Moldes levan moito tempo pedindo unha actuación para mellorar os acceso a Montecelo e lembran que xa o 29 de abril deste ano entregaron por rexistro un escrito dirixido ao concelleiro Luís Bará, actualmente responsable da área de mobilidade, para trasladarlle as súas peticións. Solicitaban o pintado dos pasos de peóns, de liñas continuas e descontinuas, das zonas nas que se pode ou non aparcar e a restauración dos sinais verticais deteriorados ou ausentes con indicacións para o tráfico rodado, así como a instalación dunha marquesiña para os usuarios do autobús urbano. Si cren que se debe actuar na zona, pero non da forma en que se está expondo.
A indignación veciñal débese a que cren que non se deben instalar lombos, pero, sobre todo, á falta de información sobre o proxecto. A pesar de que xa solicitaron reunións por rexistro cos concelleiros Luís Bará, Demetrio Gómez e Alberte Oubiña e co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, aínda ninguén lles chamou para explicarlles o proxecto nin pedirlles a súa opinión, como si fixeron con outros colectivos. Fóra do Concello, tamén solicitaron reunirse coa presidenta e o vicepresidente da Deputación Provincial, Carmela Silva e César Mosquera, pero tamén sen éxito, de modo que o seu enfado vai a máis. "Somos os máis interesados en saber que se vai a facer aquí, queremos que nos expliquen por que queren colocar lombos", reclama Sartier. "No se dignan a atendernos ni a que le expongamos nuestras ideas ni nada ni tenemos información de nada de lo que quieren hacer", denuncia Manuel Domínguez, tamén veciño do ámbito de Montecelo.
O portavoz veciñal propón, como alternativa, que se instalen semáforos, maior sinalización, un radar, pero non eses pasos de peóns elevados, pois os ve prexudiciais tanto para os transportes sanitarios como para os propios vehículos particulares que chegan a Montecelo con pacientes a bordo que ven incrementado a súa dor ao circular sobre esas elevacións. Alerta de que "si dejamos que esto avance, será el único hospital de toda Galicia que tenga lombos".
Relacionadas:
-
"Estas ambulancias non son suficientes!"
Por Redacción |
-
O PSOE pide "coherencia" a Bará e que se reúna cos veciños de Moldes para falar dos lombos
Por Redacción |
-
O BNG, disposto a preguntar barrio por barrio se os veciños queren retirar os lombos
Por Redacción |
-
Bará, ante o veto da oposición aos lombos de Montecelo: "Que se atrevan a dar o paso a gobernar xuntos"
Por Alejandro Espiño |
-
Técnicos de ambulancias alertan de 46-48 lombos que "perjudican" o seu traballo, segundo o PP
Por Natalia Puga |
-
Moreira reitera ante o xerente do CHOP a súa oposición aos lombos nos accesos a Montecelo
Por Redacción |
-
"Total sintonía" entre Concello e Deputación para reformar o acceso a Montecelo e Príncipe Felipe
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |