Sogama condona máis de 500.000 euros para pechar o acordo con Pontevedra pola súa débeda
Por Alejandro Espiño
Un total de 5.051.063,53 euros. É a cantidade que, finalmente, aboará o Concello de Pontevedra a Sogama para saldar a súa débeda. Así o anunciou este xoves o concelleiro de Facenda, Raimundo González, que asegurou que se alcanzou un "bo acordo" para Pontevedra, xa que ademais de acceder ao pagamento en varios prazos a sociedade ambiental condonará máis de 500.000 euros correspondentes aos intereses de demora.
En concreto, 4.729.645,79 euros corresponden ao concepto principal deste contencioso, é dicir, a diferenza entre o pagado por Pontevedra -que defendía a aplicación dunha cláusula enerxética no seu contrato- e o facturado por Sogama.
O resto, uns 321.000 euros corresponderían cos intereses desa débeda, correspondentes ao ano 2009 e recollidos na única sentenza xudicial firme que existe na actualidade sobre este desacordo contractual. Polo tanto, segundo Raimundo González, Sogama optaría por non reclamar os intereses correspondentes aos exercicios entre 2010 e 2015, que quedarían "condonados".
O primeiro pagamento da débeda, que ascenderá a 2.686.736,54 euros, aboarase o próximo 30 de novembro. Antes, o Concello aprobará unha modificación de crédito para poder afrontar ese compromiso presupostario. Iso si, o edil nacionalista avanzou que non supoñerá maiores contratempos xa que se afrontará con remanente de tesouraría, polo que non haberá que recortar partidas destinadas a outros asuntos nin pedir crédito ningún.
A cantidade restante, ata o total de cinco millóns de euros, aboarase noutros dous prazos, probablemente ao longo do próximo ano 2016.
En virtude deste acordo, ambas as dúas partes acceden a retirar todos os preitos pendentes e normalizarán as súas relacións coa firma dun novo convenio, do que segundo González "faltan pequenos flecos" que non afectarán ás cantidades acordadas.
En todo caso, Raimundo González reiterou que durante todo este conflito o Concello de Pontevedra "sempre tivo interese en chegar a acordo, outra cousa é que non fora posible" e recordou que, ao longo de todo este contencioso xudicial, o goberno municipal chegou a aforrar case dous millóns e medio de euros que Sogama perdeu por fallos nas reclamacións e que, ao estar sentenciados con anterioridade, non entran neste acordo.
Relacionadas:
-
O Concello adianta os prazos que se marcara para o pago da débeda a Sogama
Por Natalia Puga |
-
Satisfacción en Sogama e o Concello ante o acordo que regula o pagamento da débeda
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Pontevedra acabará de pagar a débeda con Sogama en xuño de 2016
Por Alejandro Espiño |
-
O PP lamenta que o superávit municipal teña que ir destinado a pagar o primeiro prazo da débeda con Sogama
Por Redacción |
-
Pontevedra pagará a metade da débeda de Sogama este ano e o resto en 2016
Por Oskar Viéitez |
-
Feijóo e Lores chegan a un principio de acordo para pagar a débeda con Sogama
Por Oskar Viéitez |