Reiniciando... os nenos adaptan o seu sistema operativo ao novo curso
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Remata o verán e toca reiniciar o disco duro para adaptarse á nova realidade: un novo curso escolar. O proceso experimentárono este xoves 10 de setembro 8.200 alumnos de Educación Infantil e Primaria de centros educativos pontevedreses, a maioría deles -5.455- en colexios públicos, algúns sen dificultades e outros con choros que o complicaron. "Nooooo, eu non quería volver, estábase moi ben de vacacións", foi unha das frases máis escoitadas nos patios, pero foron moitos os que mostraron a actitude contraria e levaron o sorriso por bandeira.
No CEIP de Marcón reproducíronse as mesmas escenas que no resto, pero os escolares tamén tiveron unha experiencia diferente. Este ano foi un dos dous colexios elixidos polo Concello de Pontevedra para o inicio oficial do curso, de modo que recibiron a visita da alcaldesa en funcións, Carme da Silva, e o concelleiro coordinador do rural, Demetrio Gómez. Os escolares de Marcón escoitaron unha frase que non se sentiu noutros centros mentres ambos os dous percorrían aula por aula: "Ola, eu son Demetrio, son concelleiro de Pontevedra. Esta é Carme e o alcalde está de vacacións, así que é a alcaldesa en funcións".
Con máis timidez os dos cursos superiores e con espontaneidade os menores, os nenos de Marcón abríronlles as portas das súas clases e contáronlles as súas experiencias. Os pequenos, como os de primeiro cuso de Primaria, mostráronse máis sorprendidas pola presenza de fotógrafos do distintos medios na súa aula: "Por que traedes cámaras?". Os de cuarto curso mesmo se levaron deberes. Demetrio Gómez pediulles que, ao chegar á casa, pedisen aos seus pais que os deixasen na zona do aparcadoiro, pero non os acompañasen ata a porta mesma do centro: "vinde sós ata a porta do cole, xuntos, pero sen pais".
Estes deberes levan detrás a gran novidade coa que este xoves se viviu a volta ao cole en Marcón. O regreso ás aulas coincidiu coa inauguración dunha nova zona de aparcadoiro e cunha reordenación do tráfico no ámbito. Nos últimos meses traballouse na zona para que se converta en "núcleo de centralidade parroquial" e que o tráfico rodade de acceso ao colexio, ao pavillón e ao campo de fútbol que están no ámbito sexan máis seguros.
A actuación tivo un prezo de 100.000 euros e estivo consensuada co conselo parroquial, a asociación de pais e nais de alumnos e a Dirección do centro. Como resultado, rematáronse os problemas de estacionamento -hai máis prazas- e mellorouse a seguridade ao garantir que os autobuses escolares poidan deixar os nenos nun ámbito sen coches. Todo está adaptado para que xusto no acceso ao centro haxa prioridade peonil.
No Concello de Pontevedra haberá matriculados este curso 2.555 alumnos de Infantil e 5.645 de Primaria nos distintos centros educativos, con novidades nalgún como o CEIP San Bieito de Lérez, que pasou a formar parte da Rede de Centros Plurilingües, segundo informou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Relacionadas:
-
O mantemento dos colexios municipais será adxudicado a unha empresa privada
Por Redacción |
-
Xogos, inchables e espuma para unha divertida volta ao cole na Zona Monumental
Por Cristina Saiz |
-
Festa "monumental" para celebrar a volta ao cole
Por Redacción |
-
Os colexios apuran as últimas obras antes da volta do alumnado
Por Redacción |
-
A volta ao cole, unha fortuna de entre 602 e 1.238 euros
Por Redacción |