A Deputación deixa de financiar a Escola de Gaitas
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Escola de Gaitas e Percusión anunciou que a Deputación provincial decidiu non renovar o convenio coa Asociación galega de Banda de Gaitas polo que se custea a súa actividade nas cinco sedes que ten en Pontevedra, segundo informou o director desta entidade, Hipólito Cabezas.
O centro de formación musical contaba ata o curso pasado con sedes na Cidade infantil Príncipe Felipe de Pontevedra, Cangas, Vilanova, Lalín e Vigo, sumando un total de 700 alumnos que acudían a estes centros para aprender a tocar diferentes instrumentos tradicionais como a gaita, o redoblante ou a pandeireta.
Nunha rolda de prensa convocada nun céntrico hotel de Pontevedra, Hipólito Cabezas, explicou que dous días antes de que expirase o convenio o novo deputado responsable de Cultura, Xosé Leal (BNG) lle comunicou a decisión do goberno provincial de non renovar este convenio dotado en 140.000 euros, dos que o 90% estaba destinado a sufragar as nóminas dos nove profesores.
O motivo esgrimido pola Deputación é que o mantemento dunha Escola de Gaitas "non é unha competencia propia" da administración provincial polo que debería ser asumida polos concellos. Unha decisión, que segundo Hipólito Cabezas, tamén ían adoptar coas escolas deportivas pero que decidiron pospoñer.
O responsable da Escola de Gaitas lamentou a escasa marxe de manobra que lles deixou a Deputación que coa súa decisión deixará colgados a 500 alumnos que xa pagaron a súa matrícula para o próximo curso e que agora non poderán recibir formación.
Hipólito Cabezas convocou reunións informativas cos alumnos nos distintos centros onde impartían clases e que solicitou entrevistas cos alcaldes dos municipios afectados para buscar unha solución.
A Escola de Gaitas púxose en marcha hai unha década, por iniciativa do entón vicepresidente da Deputación, José Juan Durán (PP), que pretendía dotar á administración provincial dunha Banda de Gaitas igual que a que impulsou o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar.
RESPOSTA DA DEPUTACIÓN
A Deputación de Pontevedra saiu ao paso desta rolda de prensa reiterando que na súa liña de mudar a súa política de concesión de axudas e tal como xa anunciara no seu momento, en vez de realizar subvencións directas dotará aos concellos dun fondo xeral para que determinen que accións e iniciativas queren financiar.
Partindo desta decisión e no relativo á non renovación do convenio coa Asociación Cultural Banda de Gaitas, o deputado da área de Cultura, Xosé Leal, reafirma a postura do ente provincial de que sexan os concellos "os que decidan que asociacións culturais queren financiar a través do propio fondo xeral do que van dispor".
Deste xeito, dende o goberno provincial reiteran que continuarán "apoiando a música tradicional, pero sempre en colaboración cos concellos", aos que Leal define como "os verdadeiros protagonistas da xestión cultural xunto coas asociacións de cada vila".
Nesta liña, "correspóndelle aos concellos, ben de xeito individual, ben de xeito mancomunado, decidir se queren seguir contando coa escola da banda de gaitas subvencionada con cargo ao mencionado fondo xeral" matizou Xosé Leal.
COMPETENCIA DESLEAL
En relación ao financiamento das escolas dependentes da Banda de Gaitas, o deputado provincial entende que "non é xusto subvencionar as escolas da Banda de Gaitas, que non imparten unha educación regrada nin con título, cando na provincia hai multitude de asociacións culturais que tamén imparten cursos similares e que non contan con subvencións provinciais". Xosé Leal considera que "esta asociación tiña un trato privilexiado por parte do anterior goberno provincial que non respondía a ningún tipo de xustificación" e que esta situación supoñía "unha competencia desleal ao primar unha asociación cultural sobre as demais da provincia".
O deputado provincial de Cultura entende que o alumnado das escolas da Banda de Gaitas non se verá privado de seguir coa formación que viña recibindo ata o de agora, xa que estas escolas poderán optar a outras vías de financiamento na contorna da súa comunidade.
Relacionadas:
-
A Deputación "non pecha as Escolas da Banda de Gaitas"
Por Redacción |
-
Alumnos da Escola de Gaitas reclaman a Carmela Silva a continuidade do centro
Por Alejandro Espiño |
-
Representantes da Escola de gaitas queren reunirse con Carmela Silva e con Fernández Lores
Por Oskar Viéitez |
-
O PP solicita que manteñan a Escola de Gaitas da Deputación
Por Redacción |
-
A Escola de gaitas clausurou curso en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |