Novo 'asalto' da oposición en pleno para forzar o BNG a aprobar un novo PXOM
Por Alejandro Espiño
Unha vez máis, a necesidade de dotar a Pontevedra dun novo PXOM volverá debaterse no Pleno da corporación municipal. Tras o anterior intento, falido ao tombar o secretario as mocións presentadas ao non se axustar á normativa legal, Partido Popular, PSdeG-PSOE, Marea Pontevedra e Ciudadanos volveron consensuar unha moción coa que pretenden desatascar a redacción do novo plan.
Tras solucionar os reparos dos informes técnicos, os catro partidos da oposición consensuaron unha nova moción coa que, segundo o voceiro de Marea, Luis Rei, "cumprimos o compromiso que todos adquirimos cos electores para ter un PXOM novo e actualizado e coa vontade xa manifestada de darlle para adiante a este asunto". E todo, porque sinala que "a nós non nos parece de recibo iso de poñerse de brazos cruzados e sentarse a agardar".
A moción, que se debaterá no Pleno de setembro, recolle a creación dunha comisión informativa especial, cuxos membros non terán retribución ningunha, e que terá como función o seguimento e control de todo o procedemento tendente á aprobación definitiva dun novo PXOM para Pontevedra. Estenderá o seu traballo ata cumprir este obxectivo ou, en todo caso, ata que conclúa o presente mandato.
Ademais, instarán ao goberno municipal a que, no prazo dun mes, busque unha fórmula que permita continuar, actualizar e concluír os traballos iniciados por Consultora Galega en 2004 ou, se este acordo non se produce, a que resolva definitivamente o devandito contrato e redacte os pregos técnicos e administrativos dun novo concurso que, antes de finais deste ano, debería adxudicar a redacción dun novo PXOM ao equipo que resulte gañador.
Luis Rei sabe que hai asuntos que xerarán gran controversia como a presenza de ENCE como terreos industriais ou de Monte Carrasco como equipamento sanitario, o crecemento da cidade ou a necesidade de recortar os núcleos rurais, pero dende Marea optan por ir avanzando polos asuntos nos que hai un "consenso previo" e os que presenten unha maior dificultade "pospoñelos e afrontalos máis tarde".
O BNG VOTOU EN CONTRA
Na comisión de Urbanismo na que se presentou esta moción o BNG votou en contra. Así o avanzou a concelleira Carme da Silva, que aprecia "a simple vista" varios defectos de forma nesta moción da oposición. En todo caso, reiterou que a xuízo dos nacionalistas "non é viable" un PXOM coas características que impón actualmente a Xunta, xa que entre outras cuestións serviría, dixo, para "darlle o visto bo" a ENCE.
Relacionadas:
-
O PXOM, á espera da tramitación da nova Lei do Solo
Por Redacción |
-
María Rey presidirá a comisión especial do PXOM
Por Alejandro Espiño |
-
PXOM, lombos en Montecelo e ENCE, entre as case 20 mocións dun Pleno que se prevé maratoniano
Por Alejandro Espiño |
-
Carme da Silva sobre a oposición e o PXOM: "Non se entende a non ser que sexa por postureo ou por cobrar un pouco máis"
Por Natalia Puga |
-
O PP chama a toda a oposición a un novo intento de "falar en serio do PXOM"
Por Redacción |
-
Agustín Fernández critica á concelleira de Urbanismo e mantén que buscarán fórmulas para retomar o PXOM
Por Redacción |