PPdeG e PSdeG reiteran a súas diferenzas sobre o futuro de Ence no Parlamento galego
Por Redacción & Mónica Patxot
A permanencia da pasteira Ence en Pontevedra volveu este martes 8 ao debate parlamentario. O deputado Jacobo Moreira defendeu a continuidade da factoría sinalando a tesitura laboral da capital "nun momento no que o desemprego está a baixar en Galicia e nas demais grandes cidades galegas, pero que sube inexplicablemente nesta cidade". Foi tras unha proposición presentada polo PSdeG-PSOE instando a buscar unha nova situación para o complexo industrial, respectuosa co medio ambiente.
O voceiro popular aludíu amáis o posicionamento que están a manter nacionalistas e socialistas, reivindicando a saída do complexo industrial de Lourizán. Neste senso sinalou que ambas formacións políticas concederan no 2008 a autorización ambiental integrada a Ence, e que agora "din que a empresa non cumpre cos requisitos medioambientais".
Jacobo Moreira lamentou tamén nesta sesión parlamentaria a situación que se produciu o pasado venres no pleno da Deputación Provincial, onde moitos dos traballadores de Ence non puideron acceder ao salón de plenos. Recriminou así que a presidenta Carmela Silva "pechou a porta aos traballadores, incumprindo a súa promesa de abrir a institución a todos os pontevedreses".
VERSIÓN SOCIALISTA
Pola súa banda a deputada socialista, Patricia Vilán, definíu como un "engano" a votación dos populares, por ir contra o acordo do traslado de Ence da ría antes do 2018; e que foi votado favorablemente polo PP na pasada lexislatura. Agora quedou claro, dixo, que foi "porque lles conviña electoralmente". Ademais, lembrou a aprobación dunha Lei de Costas "que abre o camiño a ampliar o mantemento da empresa na ría durante outros 75 anos".
Patricia Vilán tamén acusou ao PP de “enfrontar traballo e medio ambiente”, ao xustificar o seu apoio á pasteira cos postos de traballo, "eludindo a súa responsabilidade" para ofrecer un traslado a unha localización alternativa que permita manter a actividade e incentivar novos proxectos que permitan pechar o ciclo produtivo do papel en Galicia.