"O albariño está de moda en Reino Unido"
Por Redacción
Sete prescriptores anglosaxons iniciaron este luns a súa visita á Denominación de Orixe cunha cata de 16 viños no Pazo de Mugartegui.
Na cata tiveron a oportunidade de degustar varios Albariño 100%, así como outros plurivarietales pertencentes a diferentes subzonas. Todos estes viños inclúense dentro da campaña específica que se está a desenvolver en Reino Unido. Entre as súas primeiras impresións, os sete prescriptores anglosaxons destacaron a calidade dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Tamén se mostraron sorprendidos coas diferenzas existentes entre os monovarietales procedentes de distintas subzonas.
Así mesmo, mostráronse moi interesados por participar nesta misión inversa.
"Ao ser distribuidores independentes, os nosos clientes queren que lles expliquemos algo máis sobre o viño. Por iso, queremos coñecer a súa historia, os detalles sobre os viñedos e sobre a adega en que se elabora," indicaron. Deste modo, ofrécese "un valor engadido" aos clientes.
Sobre a importancia dos viños desta denominación de orixe no mercado anglosaxón indicaron que "cada día están máis de moda e xa ten o seu sitio no mercado. Mesmo a xente se sente máis continental ao pronunciar a palabra Albariño", chancearon. Se a tendencia no incremento do consumo segue á alza "os viños de Rías Baixas pódense posicionar como un referente en Reino Unido", concluíron os sete profesionais.
A viaxe do grupo de prescriptores anglosaxons comprenderá a visita a un total de oito adegas da denominación de orixe.
Reino Unido é o segundo mercado de exportación dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, de aí que dende o Consello Regulador se desenvolva unha campaña promocional específica para este país. No ano 2014 exportáronse un total de 735.659,75 litros, rexistrando un incremento con respecto a 2013, onde se venderon 695.862,25.