A Deputación e o Concello asinarán un protocolo para acometer diversas obras nos vindeiros catro anos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acudiu este luns ao Concello de Pontevedra na súa primeira primeira visita oficial a esta institución.
A reunión prolongouse durante tres cuartos de hora nos que se acordou asinar un protocolo para os catro anos deste mandato no que se incluirán proxectos como a construción dun novo pavillón deportivo de competición, un vial que de acceso á urbanización de Monte Porreiro dende Tafisa, así como o saneamento do río dos Gafos e de Mourente.
Todas estas obras iranse concretando en convenios específicos, segundo explicou o alcalde de Pontevedra.
Ademais abordaranse obras de mellora na rede viaria e unha nova dotación de campos de herba sintética "son necesarios bastantes", comentou o rexedor.
Un último asunto que se incluíu neste primeiro encontro foi unha posible colaboración en materia de tratamento de residuos, se ben o alcalde, aclarou que este aspecto "tampouco está definido".
Fernández Lores coincidiu con Carmela Silva en valorar "moi positivamente" esta cita política. A presidenta da institución provincial subliñou que este era encontro "obrigado" que "normaliza a relación institucional" cos alcaldes aos que mostra o seu "respecto" xa que "son os que se presentaron á cidadanía cun proxecto de cidade".
"Finalizou o modelo no que era a Deputación quen definía ás actuacións que se ían facer", proclamou Silva.