A APDR presenta o recurso de reposición contra a resolución de Costas sobre Ence
Por Redacción
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) presentou o recurso de reposición ante o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio contra a resolución da Dirección Xeral de Costas que propón a caducidade parcial da concesión outorgada a Ence en xuño de 1958.
Neste recurso, a APDR solicita como primeira medida, que se declare a nulidade das actuacións e que se dite unha nova resolución na que dea resposta ás súas alegacións. Baséase a petición en que as alegacións da asociación entraron en prazo no rexistro da Subdelegación do Goberno.
O colectivo reafírmase na totalidade das alegacións presentadas, segundo expón nun comunicado, e esixe que, de non aceptar a nulidade, se declare a caducidade da concesión polos incumprimentos denunciados nos distintos escritos de alegacións e o cesamento da actividade e reposición dos terreos á situación na que se encontraban con anterioridade á concesión.
A APDR sostén que Ence vén incumprindo as esixencias medioambientais ao longo dos 50 anos de permanencia en Lourizán. Ademais das molestias á veciñanza, os olores e fumes e a contaminación das augas da ría e o dano aos recursos marisqueiros, segundo indica a asociación, Ence tamén supera a taxa de 20 ppm de DBO (Demanda Bioquímica de Osíxeno) fixada no título da concesión. A entidade que preside Antón Masa entende que estes incumprimentos son razóns para decretar a caducidade.
Indican que o Ministerio non pode escudarse en que Ence ten en vigor a Autorización Ambiental Integrada nin un suposto control ambiental das súas verteduras e emisións atmosféricas por parte da Xunta de Galicia. O incumprimento dalgunha das condicións fixadas no título da concesión supón a súa inmediata caducidade, explican os ecoloxistas. A APDR indica que o Ministerio non pode tramitar ningunha prórroga a Ence ata que se resolva o litixio pola caducidade da concesión.
Relacionadas:
-
Unha enquisa encargada por ENCE di que o 62% dos pontevedreses quere a súa continuidade en Lourizán
Por Redacción |
-
O Concello recorre a resolución ministerial "que consolida á situación de ENCE"
Por Diego Espiño |
-
Defensa da ría recorrerá a decisión de Costas de ratificar a vixencia da concesión de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
Costas responderá ás alegacións de Defensa da Ría sobre a contaminación ambiental de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
A APDR alega contra o informe de Costas sobre a caducidade parcial da concesión de ENCE
Por Daniel Santomé & Natalia Puga |