Bará acusa a oposición de ter "o cerebro motorizado porque cando analizan un proxecto pensan en coches"
Por Redacción
Os pasos elevados instalaranse na avenida de Montecelo se así o deciden os técnicos municipais. Con esa premisa, o concelleiro de Obras e Mobilidade, Luis Bará indicou que mantén a proposta inicial de instalar "lombos" no ámbito do Hospital de Montecelo para calmar o tráfico, garantir a seguridade viaria e protexer os peóns na reforma que está prevista para ese ámbito por parte do goberno municipal.
O concelleiro aproveitou para lamentar a actitude da oposición ao entender que se encontran nunha competencia para ver quen se opón máis ao proxecto. "Hai unha carreira por distorisionar vos obxectivos do proxecto" indicou Luis Bará que negou que se considere a instalación de 11 pasos elevados nese traxecto entre a avenida de Lugo e a entrada da Cidade infantil Príncipe Felipe. Bará afirmou que os representantes da oposición que mostraron o seu rexeitamento á proposta de reformar ese tramo teñen " o cerebro motorizado porque cando analizan un proxecto pensan en coches" mentres que o goberno local, sinalou, pensa nas persoas. O concelleiro apuntou que se teme que os partidos que se manifestaron en contra queren facer unha fronte contra o modelo urbano do equipo de goberno.
Precisamente o concelleiro reuníase na mañá deste xoves 3 coas directivas da Cidade infantil e da Escola de Hostelería Carlos Oroza. Sobre a oposición aos "lombos" mostrada polo xerente do Complexo Hospitalario, José Manuel González, Luis Bará apuntou que o Concello actuará segundo o que estimen os técnicos e que non se vai condicionar o proxecto atendendo a unha soa das partes. "Buscaremos unha solución global", apuntou.
AUTOBUSES NA FEIRA FRANCA
Bará rexeitou tamén a proposta do Partido Popular de poñer en marcha autobuses para trasladar persoas de localidades próximas á Feira Franca. O responsable de Mobilidade indicou que "de ocorrencias eu xa non falo máis" e ironizou apuntando que igual era necesario poñer en marcha un carro medieval para transportar os visitantes. Concluíu sinalando que non se detecta ningún problema neste sentido e que a Feira Franca é unha festa consolidada.
Relacionadas:
-
Bará, ante o veto da oposición aos lombos de Montecelo: "Que se atrevan a dar o paso a gobernar xuntos"
Por Alejandro Espiño |
-
O xerente do CHOP reitera ao Concello o seu desacordo coa instalación de lombos diante do Hospital Montecelo
Por Redacción |
-
Técnicos de ambulancias alertan de 46-48 lombos que "perjudican" o seu traballo, segundo o PP
Por Natalia Puga |
-
Moreira reitera ante o xerente do CHOP a súa oposición aos lombos nos accesos a Montecelo
Por Redacción |
-
"Total sintonía" entre Concello e Deputación para reformar o acceso a Montecelo e Príncipe Felipe
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |