Advirten o PP que en 2016 non poderán usar os xardíns do castelo de Soutomaior para o seu acto político
Por Redacción
Denunciouno publicamente o Partido Popular este domingo e a Deputación confírmao vía comunicado. Os populares non poderán volver usar o castelo de Soutomaior para o acto de inicio do curso político en 2016. Polo menos, os seus xardíns. Terán á súa disposición as salas interiores pagando as taxas establecidas, "ao igual que calquera outra institución, asociación ou organización", advirten dende a institución provincial.
Nunha misiva, asinada polo deputado Carlos López Font, a Deputación avisa o PP de que os tempos cambiaron e de que "os seus privilexios chegaron ao seu fin". Neste sentido, o socialista critica que Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo "cuestionen a obriga e o deber que teñen os cargos institucionais de impedir que os espazos públicos se usen polos partidos políticos para actividades partidarias".
Así, recorda que "deberían saber os dirixentes populares que os xardíns de Soutomaior non están a disposición de ningún tipo de organización para a realización de actos" e que con Rafael Louzán como presidente "só" o PP de Pontevedra usaba estes xardíns para actos de partido.
"O PP fixo hoxe un acto, e se fosen capaces de entender os mínimos criterios democráticos, eles mesmos decataríanse de que resulta moi pouco axeitado un uso patrimonial do público", conclúe o comunicado.
CARTA REMITIDA AO PP
Na carta remitida ao PP o pasado venres, a Deputación xa anunciaba ao PP que o próximo día 30 "poderán usar vostedes ese espazo por última vez", comunicándolles que se ía manter aberto o castelo ás visitas públicas polo que "non se pode impedir o libre acceso ás instalacións, de forma que a disposición do mobiliario e do público asistente ao acto deberá respectar os itinerarios de acceso".
Relacionadas:
-
Carmela Silva insiste en impedir ao PP o uso dos xardíns do Castelo de Soutomaior: "Acabáronse os privilexios"
Por Anxo Lourido |
-
Rajoy alerta en Soutomaior da "deriva" do PSOE cara a "radicalización" e o "extremismo" de Podemos
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Rajoy abre este domingo en Soutomaior un curso político marcado polas eleccións de decembro
Por Redacción |