Suspenden todos os actos previstos en Cuntis como homenaxe á Monxa do Penedo
Por Redacción
Tras anunciar que este ano o Concello de Cuntis non se fará cargo da celebración da Festa da Bèlle Epòque, o goberno municipal confirmou este luns que tampouco se levarán a cabo, como estaba previsto para o próximo mes de outubro, ningún acto nin actividade relacionada coa Monxa do Penedo, tal e como aparecía na programación elaborada polo anterior goberno.
Nesta programación establecíase que o mes de outubro sería denominado como o "mes da Monxa do Penedo", establecendo unha serie de actos que levaban consigo a exaltación desta figura.
O concelleiro de Cultura, Enrique Portela, explicou que na nova liña que rexerá os vindeiros anos o seu departamento non teñen cabida actos nin homenaxes á figura dunha persoa "irrelevante" dende o punto de vista histórico para Cuntis e que durante o último ano "foi unha escusa perfecta para o Partido Popular á hora de despilfarrar fondos públicos".
O edil insiste en que non corresponde aos poderes públicos homenaxear unha figura relixiosa, polo que o goberno municipal acordou suspender todos os actos e actividades relacionados con esta cuestión.
Pola contra, tal e como se anunciou, o mes de outubro será declarado "mes da Recuperación da Memoria Histórica", coa realización dunha serie de actos que teñan coma obxectivo o recordo e recoñecemento de todas aquelas e aqueles cuntienses que sufriron a "barbarie" da represión franquista.
Para isto, nos próximos días comezarán os contactos con grupos e asociacións de todo o país, así como con investigadores e persoas do eido da universidade, para levar a cabo a realización dun programa que non terá custe para as arcas municipais. Entre estas actividades estará, segundo avanza Enrique Portela, a restitución da derradeira corporación municipal antes do golpe militar de xullo de 1936.