A volta ao cole, unha fortuna de entre 602 e 1.238 euros
Por Redacción
Un total de 602,73 euros se o neno estuda nun centro público, 828,27 euros se está nun colexio concertado e 1.238,43 euros se está matriculado nun centro privado. É a 'fortuna' que deberán desembolsar as familias pontevedresas durante o mes de setembro con motivo da coñecida como 'volta ao cole'.
A cifra é resultado dunha enquisa realizada durante as últimas semanas pola Federación Provincial de Comercio de Pontevedra e inclúe todos os gastos relacionados coa roupa, o calzado, o comedor, o transporte e o material escolar.
Segundo a enquisa, a estas cantidades habería que unirlle os gastos en actividades extraescolares, deportivas e de ocio ás que acoden a maioría dos nenos. Unidas ao prezo do comedor e do transporte, esas actividades poden alcanzar os 132,20 euros mensuais en colexios públicos, 170,41 en centros concertados e 556,56 en centros privados.
A enquisa recolle que o inicio do curso escolar implica o desembolso de 217,36 euro de media en libros de texto, 92,04 en material escolar e 18,80 en mochilas. Nos centros privados e concertados hai que ter en conta tamén o gasto en uniformes (incluído chándal), que rolda os 299,06 euros. Nos centros públicos, a compra de roupa e calzado supón un gasto duns 139,20 euros.