As previsións de chuvia obrigan a aprazar unha semana o Combate Naval de Vilagarcía
Por Redacción
O Combate Naval previsto para a noite deste sábado 22 en Vilagarcía de Arousa tivo que ser aprazado por mor das malas previsións meteorolóxicas, que apuntan á existencia de abundantes chuvias para a noite do sábado e boa parte do domingo. Queda adiado para o sábado 29 de agosto, unha semana despois do previsto.
O mal tempo tamén obriga a aprazar unha semana o desfile de carrozas programado para as 20.00 horas do domingo. Celebrarase o domingo día 29 á mesma hora.
O Concello tamén optou por mudar de escenario todos os actos de animación infantil dos Superroquiños, que se trasladan para a praza da Peixería, ao igual que o espectáculo Bambalas, previsto para o domingo, que será tamén na Peixería, pero ás 20.00 horas e non ás 22.00 como estaba anunciado.
O que si se mantén é a tradicional verbena do sábado do Combate, que se celebrará onde estaba previsto, na avenida da Mariña fronte á Alameda.
Con respecto ao aprazamento do desfile de carrozas, as reservas dos nenos que ían ir nelas (40 rapaces) seguen en vigor ata o próximo domingo. Dende o departamento de Protocolo poranse en contacto coas familias de cada un dos inscritos.